Comezan as obras de creación dunha senda peonil no paseo dos Sete Muíños
A institución provincial inviste máis de 110.200€ no proxecto, que consiste na drenaxe da cuneta, a dotación dun sistema de desaugue, a construción dun paseo a continuación da beirarrúa existente, a mellora do firme e a sinalización.
A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos para a creación en Guitiriz dunha senda peonil e mellora do firme no Paseo dos Sete Muíños. As obras afectan a preto do primeiro quilómetro desta vía, a LU-P-2304, que conecta o centro urbano co espazo de lecer Sete Muíños e contan cun investimento da institución provincial de máis de 110.200€.
Concretamente, estes traballos consistirán na drenaxe da cuneta da marxe esquerda da rúa, a dotación dun sistema de desaugue, a construción dun paseo que dará continuidade á beirarrúa existente, a mellora do firme e a sinalización.
O presidente, José Tomé Roca, subliñou que se trata dunha actuación moi importante para Guitiriz porque esta vía dá servizo ó espazo de lecer Sete Muíños, polo que é moi empregada tanto pola veciñanza como polos visitantes que se achegan a este concello. A pouco máis dun quilómetro do centro urbano, esta área conta con varios muíños, pontes, unha piscina natural cunha pequena cascada e unha ruta fluvial que descorre paralela ó río Veiga.
Esta obra, adxudicada á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU, ten un prazo de execución de dous meses e vén a complementar o traballo que o Concello de Guitiriz e a súa Alcaldesa, Marisol Morandeira, está a cometer no municipio para mellorar a seguridade e a humanización.
De feito, o presidente da Deputación e a alcaldesa asinaron a finais do ano pasado un convenio de colaboración para investir outros máis de 100.000€ para dotar á rúa Manuel María doutra senda peonil que mellorará a accesibilidade da contorna e que está en fase de contratación.
Preto de 4,5M€ da Deputación en Guitiriz
Esta iniciativa enmárcase na “cooperación, intensa e continua, que mantemos co Concello de Guitiriz e que, en cifras, tradúcese en case 4,5M€ só no que vai deste mandato”, destacou o presidente. Unha cantidade que segundo explicou Tomé Roca “demostra claramente o compromiso que temos co Concello, coa alcaldesa e cos veciños e veciñas de Guitiriz".