Comezan as obras de dúas estacións de lavado de bicicletas nas Pontes
O Concello das Pontes iniciou a semana pasada as obras de construción de dúas estacións de lavado e posta a punto de bicicletas, asentadas na Rúa Casilla, ao carón da Praza da Lembranza, e na Rúa 8 de marzo, próxima ás pistas de padel.
Con estas novas infraestruturas, cun orzamento de 29.941,43 € con cargo a fondos propios, o Concello das Pontes busca impulsar a integración da bicicleta na mobilidade do municipio e potenciar a súa práctica como medio de transporte educativo, turístico, recreativo e deportivo, para o cal é necesario dotar ás persoas usuarias das ferramentas necesarias para facilitar o seu uso.
Entre os traballos previstos executaranse soleiras de formigón que servirán de soporte para as instalacións. As estacións de lavado estarán formadas por un entramado metálico de aceiro inoxidábel sobre o que se posarán as bicicletas para o su lavado.
As estacións de lavado dotaranse de subministro de auga e a posterior recollida e canalización á rede de saneamento pública, polo que se executará unha acometida de auga ata cada unha das instalacións e unha rede de saneamento que conecte cada instalación coa rede de sumidoiros. Finalmente, acondicionaranse ambas zonas coa instalación dun banco, papeleira, aparcabicicletas e carteis informativos.