Comezan as obras de recuperación da cuberta da escola de Pardiñas

TerraChaXa
As goteiras no edificio causaban moitos problemas ao obradoiro de instrumentos tradicionais que acolle
escola-pardinas-obras-cuberta
14 Feb 2025

A Área de Cultura da Deputación de Lugo, xestionada pola nacionalista Iria Castro, aprobou no pasado mes de xaneiro o proxecto da obra Cuberta sobre estrutura existente de obradoiro de artesanía na Escola de Pardiñas, situada no concello de Guitiriz, tal e como comunicou o BNG municipal.

A construción, de titularidade municipal, presentaba serios problemas na súa cuberta desde hai máis dun ano, provocando goteiras que afectaban gravemente o material do Obradoiro de Construción de Instrumentos Tradicionais. Este espazo, dedicado á fabricación de gaitas, pitos e requintas, foi fundado en 1993 polo artesán Sito Carracedo na aldea de Pardiñas.

O BNG de Guitiriz comunicou no seu día esta problemática ao goberno local e, posteriormente, solicitou a colaboración da Área de Cultura da Deputación. Finalmente, o organismo provincial asumiu o custo total do proxecto e das obras de reparación, que xa deron comezo.

Desde a formación nacionalista manifestaron a súa satisfacción polo feito de que a súa solicitude fose atendida pola Deputación, garantindo así a continuidade deste espazo artesanal en Guitiriz. "Esta actuación representa unha aposta polo recoñecemento e a dignificación do traballo artesanal, ao tempo que contribúe á promoción e posta en valor do noso concello", destacaron.

O obradoiro de Sito Carracedo é un punto de referencia para numerosos visitantes que chegan a Guitiriz interesados na súa labor de investigación e na construción de instrumentos tradicionais, xerando un importante impacto cultural e turístico na zona.

0.17574286460876