Comezan as obras do campo de herba artificial Evaristo Puentes das Pontes
O Concello das Pontes iniciou a semana pasada os traballos de construción dunha bancada cuberta para o campo de herba artificial Evaristo Puentes, situado no Poboado das Veigas.
O proxecto, cun orzamento de 97.913 euros, con cargo a fondos municipais, permitirá dar resposta á demanda dos clubs deportivos da vila que empregan esta instalación, así como dos espectadores que, cada fin de semana, se achegan ata o campo Evaristo Puentes para gozar de diferentes competicións deportivas sen sufrir as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas, dunha forma cómoda e axeitada.
A bancada situarase no lateral noroeste do campo, centrada na metade do mesmo e ocupando o espazo libre existente entre o campo e o peche vexetal que separa as instalacións deportivas da Ronda do Poboado.
A superficie construída da cuberta da bancada será de 142,50 m2 e a bancada disporá de 7 pórticos metálicos con protección con galvanizado en quente, que ocuparán 30 metros de lonxitude e 4,75 metros de ancho, albergando a 168 persoas en asentos sen respaldo fabricados en PVC.
Ademais a bancada cubrirá tamén os dous metros de ancho de beirarrúa existente que separará a bancada do campo de xogo, ofrecendo maior protección aos espectadores que acudan ao campo a gozar das competicións deportivas así como aos diferentes clubs que fan uso desta instalación.