Comezan as obras dos acceso a Oleiros e Sancovade
O goberno de Vilalba vén de anunciar que comezará coas obras para a mellora de accesos nas parroquias de Sancovade e Oleiros, acondicionando viais municipais que dan acceso a parcelas agrícolas e explotacións gandeiras. Dos 94.484,06 euros de inversión nestas actuacións, o Agader financia 78.086 euros a través do Plan Marco de camiños municipais, que diminuíu en preto de 20.000 euros para o Concello de Vilalba con respecto ao ano anterior. Tanto o encargo do proxecto como a parte non financiada pola Agader sairá das arcas municipais.
O obxecto das obras de acondicionamento e mellora realizaranse sobre o vial municipal que atravesa en dirección Noroeste-Sureste as parroquias de Sancovade, Noche e Oleiros, ata rematar na estrada de titularidade provincial LU-P-6510, no termo municipal de Vilalba (Lugo).
En concreto, as obras elementais nas que se divide o proxecto consisten na limpeza de noiros, procedéndose á retirada da terra vexetal acumulada en beiravías, regularización e pavimento aglomerado, cunha capa de aglomerado en quente en toda a superficie da estrada a causa do estado actual da mesma, e sinalización, colocándose sinais de STOP e pintando marcas lonxitudinais continuas nos bordes da calzada.
“Esta estrada conforma un dos percorridos habituais dos veciños de varios núcleos de poboación de Sancovade e Oleiros en dirección a Vilalba”, subliñou o edil de infraestruturas, Luis Fernández. Por outra banda, “as importantes explotacións gandeiras e agrícolas da zona, xunto co paso de vehículos de transporte destinados á explotación da madereira dos terreos próximos, provocan que este vial teña soportado unha densidade de tráfico lixeiro e pesado moi intensa, cun forte desgaste no pavimento, de xeito que actuaremos coa maior axilidade para mellorar esta situación”, concluíu Fernández.