Comezan en Abadín as obras nas cubertas do pavillón e da pista de pádel

TerraChaXa
Deron comezo en Abadín as obras na cuberta do pavillón municipal, unha obra que se engloba nun proxecto para o aforro e a eficiancia enerxética, xa que ademais do cambio da cuberta actual, realizarase a substitución da caldeira actual de GLP por un equipo de produción de ACS mediante enerxía aerotérmica.
obras cubertas abadin
8 Oct 2023

Deron comezo en Abadín as obras na cuberta do pavillón municipal, unha obra que se engloba nun proxecto para o aforro e a eficiancia enerxética, xa que ademais do cambio da cuberta actual, realizarase a substitución da caldeira actual de GLP por un equipo de produción de ACS mediante enerxía aerotérmica.

As actuacións que se realizarán serán substituír a cuberta actual de chapa galvanizada por outra de maior illamento térmico mediante panel sándwich de 60mm de espesor, substituiranse tamén os actuais lucernarios por outros de maior calidade e eficiencia enerxética e maior aproveitamento da luz solar.

A actuación está motivada por unha mellora das instalacións debido a danos na mesma e ademais para a mellora da eficiencia enerxética das devanditas instalacións.

PISTA DE PÁDEL

Tamén comezaron as obras de colocación da cuberta na pista de pádel de Gontán, situada na área recreativa da Roxica. O proxecto de execución ten un orzamento de 83.711 euros.

Así, a obra que se levará a cabo o concello consiste en elevar os laterais outros tres metros máis con chapa traslúcida e rexa de lona perforada que colocar sobre os tres metros de cristal que ten a instalación actualmente.

O tellado estará feito por un armazón de ferro.

A pista de pádel leva feita dende o mes de febreiro de 2017 para a que o Goberno local destinou unha partida de 31.700 euros, na súa maior parte con fondos subvencionados pola Xunta de Galicia.

CAMIÑOS

A Xunta de Goberno Local de Abadín adxudicou tamén o lote número 3 para o aglomerado asfáltico nas parroquias de Quende, Vilarente e A Graña por un importe de 54.351,20 euros.

A actuación prevista afecta a varias zonas como Gontán Este, Gontán Oeste, entre Fontepresa e Candabade - Quende.; A Cabana e Fraga de Vila en A Graña.

obras cuberta pista padel abadin
obras cuberta pavillon abadin
0.10976314544678