Comezan en Begonte as obras do novo local social na parroquia de Santalla de Pena

TerraChaXa
Está executado a través dun Obradoiro de Emprego financiado pola Xunta de Galicia e compartido cos concellos de Rábade e Friol
obras-centro-social-santalla-de-pena-begonte
18 Jan 2025

O Concello de Begonte iniciou os traballos de construción dun local social na parroquia de Santalla, que está a ser executado a través do obradoiro de emprego Cumes da Terra Chá VIII, compartido cos concellos de Rábade e Friol a través da especialidade de Operacións Auxiliares de Fábricas e Cubertas.

Dito local sitúase ó carón do campo onde se celebran as festas patronais. Terá unha superficie de 120 m2 e na súa construción empréganse elementos tradicionais e sostibles como a madeira.

A actuación ten un orzamento de 125.000 euros que serán asumidos na súa totalidade polo Concello con fondos propios. O alcalde manifestou que "esta actuación ademais de ser unha necesidade e un compromiso asumido cos veciños de Santalla, pode acometela o Concello grazas a boa xestión económica do equipo de Goberno nos últimos anos o cal nos permite ter capacidade de investimento".

O Alcalde, José Ulla, tamén salientou que "o local de Santalla era unha vella reivindicación dos veciños e agora será unha realidade grazas a colaboración da Xunta de Galicia. Os locais sociais son un instrumento fundamental para a dinamización da vida nas parroquias do rural".

"Ao local social, hai que engadir o investimento na mellora da rede viaria Municipal na parroquia de Santalla de Pena, con mestura bituminosa de aglomerado en quente que se empezou no ano 2024 e se estenderá a este ano e que ascenderá a preto de 120.000 euros". engade Ulla.

0.1459789276123