Comezan este sábado en Friol as xornadas de cine rural

LugoXa | TerraChaXa
Serán as catro ás seis da tarde, no salón de actos do Centro Sociocultural
xornadas-de-cine-rural-friol
24 Jan 2025

Durante os meses de xaneiro e febreiro Friol poderá desfrutar de catro tardes de sábado de cine, gracias ás segundas Xornadas de Cine Rural que o Concello organiza en colaboración co Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, representado neste caso polo veciño de Friol Suso Rodríguez.

Estas xornadas comezan este sábado 25 de xaneiro, e continuarán o 1, 8 e 15 de febreiro, dando comezo todas elas ás seis da tarde, no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol.

Na primeira das xornadas, poderá visualizarse a reportaxe Tiempo de ilusión, tiempo de recuerdo, emitida no ano 1979 no programa da TVE Vivir cada día sobre o rural galego, no concello de Friol. A reportaxe testemuñal trata das dificultades e durezas da infancia, e tamén da violencia lingüística e cultural que exercía o sistema educativo (realizado por Isabel Pastor).

Na segunda xornada, o sábado 1 de febreiro, proxectarase De Quijotes y Semillas, documental no que o cociñeiro Santi Cordón realiza unha viaxe en verducleta e fai unha incursión á España esquecida para escoitar a romántica loita dos seus últimos Quijotes, intercambiar sementes con eles e poñer en valor un tesouro culinario en vías de extinción (dirixido por Patxi Uriz e Jordi Matas).

Durante a terceira xornada, o 8 de febreiro, visualizarase Paxaros de Algodón, neste documental trátase de abrir unha fiestra que permita coñecer mellor os trastornos de espectro autista (TEA) axudándose de dous contos teatralizados polo propio persoal técnico e residente de Aspanaes As Pontes (Dirección: Xosé Manuel Felpeto e Roberto Rego). Contarán con diferentes profesionais relacionados co ámbito do TEA.

E para rematar con estas segundas xornadas de Cine Rural, o sábado 15 de febreiro, proxectarase A mestra de escola, documental dirixido por Alba Prol e producido por Meteórica Cine, que é unha peza audiovisual que afonda na realidade educativa do rural galego a través das experiencias de seis mulleres vinculadas ao ensino (mestras e antigas alumnas que comparten vivencias persoais e reflexións sobre a evolución do sistema educativo). Coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), o filme pon de manifesto a relevancia do ensino rural na configuración da identidade cultural galega.

0.16564798355103