Comezan na UNED un curso sobre cata de viños e outro sobre dereito

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Comezan hoxe na UNED de Lugo senllos cursos de cata de viños e de dereito no convenio europeo. Serán ata finais deste mes.
cata de vinos
8 Abr 2021

Hoxe comeza na UNED de Lugo a segunda edición do curso de iniciación á cata a cargo de Isabel Lozano Verdes. Nesta segunda edición do curso de iniciación á cata, todas aquelas persoas interesadas en iniciarse no mundo da cata, tanto se son profesionais, enófilos ou se sinxelamente queren gozar do viño dunha maneira diferente e descubrir o seu ámbito máis cultural, terán unha nova oportunidade de facelo de maneira didáctica e divertida neste curso.

Cataranse máis de 15 exemplos da España vinícola, preponderando aos viños galegos, e realizaranse diferentes exercicios prácticos de análise sensorial.

"Un curso no que poderemos descubrir aspectos do viño como a súa orixe, a súa conservación en adega, as prácticas de viticultura, así como a importancia que ten para a súa produción factores externos como o clima ou o chan. E no que tamén se tratarán cuestións de actualidade como as novas tendencias ou a gran experiencia que achegan as maridaxes", explican.

Será impartido por Isabel Lozano Verdes, xerente de Vinissi e Master Catador do Instituto Galego do Viño.

Realizarase en liña ou presencial ata o 29 de abril.

CURSO SOBRE DEREITO

Tamén hoxe comeza na UNED de Lugo un curso sobre os dereitos do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos.

No curso Os dereitos do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, maxistrados e docentes abordarán o contido de diversos dereitos presentes no Convenio seguindo unha metodoloxía teórico-práctica, así como, tamén, explicarán o funcionamento do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e a súa incidencia en España.

Imparten este curso Silvia Martínez Cantón (maxistrada, membro correspondente da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación, anteriormente comisionada no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e profesora - titora da UNED), Rubén Pérez Cordón (maxistrado suplente Audiencia Provincial de Zamora, anteriormente investigador no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e profesor-titor da UNED), David Ordoñez Solís (presidente da Sala do contencioso-administrativo do TSJ de Asturias e secretario Xeral da Comisión Iberoamericana de ética xudicial).

Ao final do curso, para aqueles alumnos que o realizaran na súa totalidade, obterase un certificado do mesmo emitido pola UNED cos
créditos do curso, así como un certificado emitido polo Consello de Europa do curso de Introdución ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Realizarase en liña ata o 22 de abril, en horario de 18:00 a 20:00 horas.

0.16464400291443