Comezan no IES Lois Peña Novo as charlas do Plan Director para a convivencia
Este xoves, 6 de febreiro, terá lugar no IES Lois Peña Novo a primeira charla do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e a súa contorna, que neste caso versará sobre o acoso escolar.
A charla será de 10:25 ata 11:15 na biblioteca, e o alumnado destinatario son os grupos de 1º de FP Básica de Informática e Mecánica e os primeiros cursos dos ciclos medios de Electromecánica de vehículos, Instalacións Eléctricas e Dependencia.
Por outra banda, dende o luns e ata o xoves 13 de febreiro están a realizar a Semana Escolar da Deputación de Lugo, traballando co alumnado da FP Básica dende diferentes ámbitos para o coñecemento da súa contorna. Actualmente hai unha exposición sobre o Camiño Norte de Santiago en Imaxes que cedeu o Iescha (a través da persoa de Chema Felpeto) e nos vindeiros días colocarán outra exposición sobre bichos chairegos.
Dende a Deputación confirmáronnos a asistencia a esta actividade, o vindeiro xoves 13, do presidente, que irá ao centro para asistir á presentación e exposición dos traballos feitos polo alumnado e a posterior clausura da mesma.