Comezan o luns as obras da última fase de renovación do Poboado da Fraga

TerraChaXa
Os traballos terán unha duración de catro meses e afectarán á distribución dos aparcadoiros
Poboado-da-Fraga-as-pontes
29 Ago 2024

O Concello das Pontes dará comezo, o vindeiro luns, aos traballos da sexta fase das obras de mellora de pavimentos e servizos no Poboado da Fraga.

A empresa Construcciones Leonardo Miguelez S.L vai ser a encargada de poñer en marcha un proxecto que conta cun orzamento total de 162.244,19€, financiado con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, e que afectará principalmente á Rúa Maruja Mallo que, tras desta inversión, contará cos mesmos servizos renovados e unha estética acorde coa que xa presentan o resto de rúas da zona.

Os traballos terán unha duración de catro meses e, malia que se buscará afectar o menos posible á veciñanza, a zona de aparcadoiros desta vía rexistrará cambios dende a vindeira semana, para poder acometer estes traballos.

En canto ás obras, renovarase o pavimento das beirarrúas con lastras de formigón recto e a colocación de bordo nos encontros coa estrada mentres que a separación entre a beirarrúa e as zonas verdes realizarase con bordo de xardín, mantendo os criterios estruturais e estéticos das fases anteriores, e co mesmo tipo de materiais.

Estas actuacións tamén contemplan a substitución do saneamento de augas pluviais por colectores de PVC e a execución das acometidas domiciliarias. Así mesmo procederase á renovación do alumeado público coa colocación de novos báculos e luminarias ao longo da beirarrúa, coa instalación das canalizacións e cabreados necesarios, creándose tamén a canalización para telecomunicacións.
Ademais, entre os traballos previstos, inclúese a instalación de novo mobiliario urbano, bancos e papeleiras, en toda a zona obxecto da intervención.

0.30499601364136