Comeza o programa de formación de desempregados da central das Pontes

TerraChaXa
O Instituto para a Transición Xusta (ITX), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, pon en marcha o seu programa de formación e recolocación de 200 persoas desempregadas afectadas pola transición enerxética das centrais térmicas coruñesas do Concello das Pontes e de Meirama, no municipio de Cerceda.
maria rivas cerceda presentacion cursos itx
22 Feb 2024

O Instituto para a Transición Xusta (ITX), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, pon en marcha o seu programa de formación e recolocación de 200 persoas desempregadas afectadas pola transición enerxética das centrais térmicas coruñesas do Concello das Pontes e de Meirama, no municipio de Cerceda.

O proxecto, que ten unha duración de 24 meses, despregarase en cinco municipios en relación con Meirama: Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia. No tocante ás Pontes son 14 municipios: 11 da provincia da Coruña (Cabanas, A Capela, Cerdido, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño e As Somozas) e tres concellos da provincia de Lugo (Muras, Vilalba e Xermade).

Poderán participar os traballadores excedentes das centrais térmicas rexistradas na bolsa de emprego do ITX, así como os maiores de 52 anos desempregados empadroados nalgún dos municipios dos convenios de transición xusta.

O primeiro curso programado en Galicia é de xestión de residuos, que se impartiu este mércores en Cerceda. No inicio do curso participou a subdelegada de goberno na Coruña, María Rivas e Juan Manuel Rodríguez García, entre outros.

Ademais, en próximas datas está previsto impartir outros cursos de formación que forman parte do programa. As persoas interesadas en calquera das formacións incluídas neste programa poderán acceder á información actualizada en web do Instituto para a Transición Xusta.

A oferta de cursos está adaptada ás necesidades do mercado laboral en cada zona e céntranse en materias como a instalación de enerxía solar e enerxía eólica, vixilancia ambiental con drons, xestión de residuos e rehabilitación enerxética.

0.21089696884155