Comezan unha rolda de ponencias informativas sobre o Plan de Emerxencia da Presa da Ribeira

O Concello das Pontes, en colaboración con Servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia, está a traballar na implementación do Plan de Emerxencia da Presa da Ribeira, integrado dentro do Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal).
O Plan de Emerxencias do Concello das Pontes establece as correspondentes zonas de inundación, marca tres fases de actuación e tamén reflicte a organización dos equipos humanos e técnicos implicados nunha posible emerxencia.
Co obxectivo de dar a coñecer o Plan de Emerxencia do Concello comeza unha rolda de encontros informativos para dar a coñecer dito plan así como os protocolos e medidas de actuación en caso de risco de rotura da Presa da Ribeira. O primeiro será este martes, 25 de marzo, ás 12:00 horas no salón de actos da Casa Dopeso.