Comezaron as obras da estrada LU-231 entre Friol e Palas de Rei

TerraChaXa | LugoXa
Comezou a primeira fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-231 entre Friol e Palas de Rei. Teñen un prazo de 12 meses.
estrada autonomica LU 231 entre Friol e Palas de Rei
30 Ago 2021

Comezou a primeira fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-231 entre Friol e Palas de Rei, ás que destina un orzamento de 2,8 millóns de euros. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.

As obras céntranse no acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada LU-231, 8,9 situados no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei, é dicir, o treito entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo. 

A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de 5 metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os 8 metros, con dous carrís de 3,5 m de ancho cada un e beiravías de 0,5 m, salvo na zona con máis edificacións.

O proxecto recolle melloras do trazado, suavizando as curvas de menor radio. Cabe salientar que se mellorará o cruce do punto quilométrico 2+100 coa estrada provincial LU-P-1611, pola que se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (A-6), no outro.

A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros desde a travesía de Friol ata o enlace coa A-54 máis próximo ao núcleo de Palas de Rei. A Xunta ten prevista a súa mellora en dúas fases, para o que contratou a redacción de dous proxectos construtivos, estando o segundo redactado e en supervisión técnica.

A execución desta actuación permitirá conformar, xunto coa estrada provincial LU-P-1611, un eixo norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 en Palas de Rei e a A-6 en Begonte, nun punto moi próximo ao sen enlace coa A-8.

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.

0.20776009559631