Como se escollen os deputados?
Nos comicios de maio votarase polo Goberno local onde está censado e o voto repercutirá na composición do organismo provincial.
A provincia prepárase para celebrar de novo as eleccións municipais, uns comicios que nos ofrecerán unha renovación dos equipos de goberno á fronte das alcaldías. Pero, ademais, co seus votos, os lugueses tamén escollen a composición da Deputación Provincial, aínda que isto se fai de maneira indirecta, xa que o veciño non vota directamente a un deputado dun partido ou doutro pero si a cor política do voto implicará que o electo sexa dun partido ou doutro.
Actualmente, a provincia está dividida en sete partidos xudiciais ou xuntas electorais que aportan un número de deputados diferente, xa que a poboación é tamén moi distinta.
Así, o máis numeroso é o partido xudicial de Lugo, ou zona centro. O peso poboacional de Lugo lévao a capital e de aí saen 12 deputados, case a metade dos elixibles, que son 25. Ademais da capital súmanse neste grupo os votos dos concellos da contorna, parte da montaña e da comarca sarriá.
A seguinte xunta electoral por tamaño é a de Mondoñedo, onde están incluídos os concellos da Mariña. Elixe seis deputados.
Despois tres xuntas electorais contan con dous deputados cada unha. Son as de Monforte (concellos da Ribeira Sacra e o Courel), Chantada (que engloba a zona da Ulloa) e Vilalba (cos da Terra Chá).
Finalmente, queda un deputado no tinteiro, o que sae dos concellos da zona da Fonsagrada e Ancares e que moitas veces é o que marca a cor política que goberna na Deputación xa que a igualdade foi máxima nos últimos comicios no resto. O pacto entre PSOE e BNG levouse pola mínima diferenza o Goberno da Deputación no 2015 e no 2019 aínda que é o PP o que tivo o maior número de deputados nas dúas ocasións.
Unha vez constituídos todos os concellos, os escanos das deputacións provinciais repártense, por cada partido xudicial, segundo a fórmula D’Hondt, entre aqueles partidos que obtiveron algún concelleiro en cada partido xudicial e segundo o número de votos conseguidos por cada un deles. Os deputados provinciais que corresponden a cada partido político son elixidos, a nivel de partido xudicial, entre e polos concelleiros de cada un deles, que pertencen aos municipios que comprende cada zona. Tradicionalmente os deputados están divididos a partes iguais en Chantada, Monforte e Vilalba. A representación nacionalista súmase desde os partidos xudiciais máis numerosos (Lugo e Mondoñedo).
Nas últimas eleccións, na de Lugo, 6 dos deputados foron do PP, 4 do PSOE e 2 do BNG. Na Mariña tamén tivo o PP 3, 2 o PSOE e 1 o BNG, polo tanto foi o voto socialista da Fonsagrada o que rompeu o empate.
REPARTO POR CONCELLOS
- Chantada (2 deputados) Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, e Taboada.
- Fonsagrada (1 deputado) Baleira, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín.
- Lugo (12 deputados) Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Friol, Guntín, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, As Nogais, Outeiro de Rei, Paradela, O Páramo, Pol, Pedrafita, Rábade, Samos, Sarria e Triacastela,
- Mondoñedo (6 deputados) Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove
- Monforte (2 deputados) A Pobra de Brollón, Bóveda, Folgoso do Courel, Monforte, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.
- Vilalba (2 deputados) Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.
Chantada
- Pilar García Porto. PSOE
- Pablo José Taboada Camoira. PP
Lugo
- José Luis Raposo Magdalena. PSOE
- Xosé María Arias Fernández. PSOE
- Pablo Rivera Capón. PSOE
- Ana González Abelleira. PSOE
- Maite Ferreiro Tallón. BNG
- Efrén Castro Caloto. BNG
- Jesús Manuel Núñez Díaz. PP
- Francisco Javier Balado Teijeiro. PP
- José Pardo Lombao. PP
- José Fernández Vázquez. PP
- José Ángel Santos Sánchez. PP
- Oscar Poy Franco. PP
DEPUTADOS ACTUAIS
Fonsagrada
- Roberto Fernández Rico. PSOE
Mondoñedo
- Mayra García Bermúdez. PSOE
- María Loureiro García. PSOE
- Mónica Freire Rancaño. BNG
- Javier Jorge Castiñeira. PP
- José Manuel Gómez Puente. PP
- Jesús Novo Martínez. PP
Monforte
- José Tomé Roca. PSOE
- Lola Castro Ochoa. PP
Vilalba
- Roberto García Pernas. PSOE
- Xosé María Teixido Núñez. PP
A comarca ultima os candidatos
Poucos cambios nos concellos chairegos, nos que repiten os candidatos que ocupan agora mesmo a Alcadía. Na capital da Chaira, Vilalba, precisamente é onde menos cambios se produciron. A alcaldesa socialista Elba Veleiro foi a primeira da zona en confirmar a súa continuidade á fronte do seu partido de cara as eleccións de maio e de feito presentou xa a lista completa. A súa intención é renovar tras ter conseguido arrebatar ao PP no 2019 o seu principal bastión. Tamén liderará a lista de Vilalba Aberta Modesto Renda. Ambos os dous gobernaron en coalición os primeiros meses pero o PSOE seguiu en solitario.
Sandra Vázquez, que substituíu en plena lexislatura a Agustín Baamonde á fronte do PP. Unha vez que se saiban os votos haberá que ver si deberán volver pactar os partidos de esquerdas para facer goberno. Polo BNG preséntase Constantino Alvite, na procura de obter representación na próxima Corporación.
Na Pastoriza tanto o alcalde, o socialista Primitivo Iglesias, como a dirixente nacionalista, Elva Carrera, repetirán unha vez máis para loitar pola dirección da casa consistorial. Ambos os dous gobernan en coalición repetindo a experiencia da lexislatura anterior. O Partido Popular tardou pero por fin confirmou que será Darío Cabaneiro o seu candidato á Alcaldía.
En Abadín, un dos alcaldes máis lonxevos no cargo, José María López Rancaño, buscará unha nova lexislatura á fronte do PP. Rancaño fixo nesta anualidade 40 anos como alcalde da localidade. Pola oposición repite tamén Pablo Díaz. Sen representación do BNG actualmente, non se presentou aínda candidato.
En Begonte, José Ulla volve poñerse á fronte do PP para revalidar o seu cargo mentres que Susana Ferreiro fará o mesmo polo PSOE. Esta semana fíxose público o candidato nacionalista, que será Pablo Ares. O partido non ten representación hoxe en día.
En Castro de Rei, onde o popular Francisco Balado volve presentarse tras varias lexislaturas, cambian iso si os líderes da oposicións. Este ano encabezará os socialistas Alba Sinde, mentres que á fronte do BNG está Olga García Portela.
En Cospeito o actual alcalde, Armando Castosa, seguirá liderando o PP cara ao proceso de maio, non así a oposición. Daniel Irimia é o novo líder socialista trala retirada de primeira liña de Rosa Morán. No BNG tamén hai caras novas, xa que Afonso Olegario substitúe a Yolanda García, no único concelleiro que conseguiron os nacionalistas nos comicios anteriores.
En Friol, o popular José Ángel Santos, que conta cunha das maiorías máis importantes do PP na provincia (ten 10 concelleiros dos 11 a reparto), volverá presentarse. Pola contra, o PSOE tardou ata o último momento en presentar á candidata, Ana María Pardo Lorenzo. Si o fixo moito antes o BNG, que espera recuperar o terreo perdido nas últimas lexislaturas da man de Ada Blanco, unha das candidatas máis novas da provincia xa que conta só con 19 anos.
Guitiriz tamén é conservadora na Alcaldía. A socialista Marisol Morandeira volverá presentarse este ano na procura dunha segunda lexislatura. Na oposición, José Manuel López Rodríguez é o novo candidato do PP á Alcaldía mentres que nas filas nacionalistas, o lugar o ocupa Mónica Roca.
Tamén o actual alcalde de Meira, Antonio de Dios, opta á reelección como líder socialista mentres que Óscar Fernández faino polo PP trala renuncia de Carlos Veiga. No BNG chega unha cara nova, Ermitas Rodríguez, pero non se sabe se volverá presentarse Galicia Sempre.
Muras opta tamén por manterse. O alcalde nacionalista Manuel Requeijo seguirá á fronte do seu partido mentres que Eugenia Requeijo continuará liderando o PP. Non repetirá Mario Rouco en Muras, que pactou co nacionalista para facer goberno, o seu substituto é María Jennifer Gómez Galego, que foi elixida nos últimos días.
No concello de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao repite como alcaldable do Partido Popular, ao igual que fai a socialista Carmen Acacio. No BNG finalmente Xosé Ferreiro volverá ser candidato por terceira lexislatura consecutiva, tras retirarse no mes de xuño e ceder a primeir liña a Lara Pita.
Outro dos candidatos nacionalistas coñecidos a última hora é o de Pol. Tras gañar un concelleiro nas anteriores eleccións, Óscar Carballés encargouse do partido pero non confirmou a súa continuidade e foi substituído por Blanca Fernández. Quen si o fixo foi o socialista Lino Rodríguez Ónega, que aspira novamente a revalidar a maioría absoluta que mantén no Concello polense. Polo PP, preséntase unha cara nova, Nicole Grueira, unha das candidatas más novas das listas da provincia, que mantén unha gran actividade política.
En Rábade, continuidade total, xa que volverán presentarse o alcalde actual Francisco Fernández Montes, polos Independentes, e Alejandro Martínez, polo PSOE, que gobernan en coalición e que cravaron resultados nas dúas últimas eleccións. Polo partido popular volve presentarse Remedios González Cabarcos, que liderou a oposición de Rábade esta última lexislatura. A popular intentará facer valer o feito de ser a lista máis votada para facerse coa Alcaldía.
En Riotorto, Clemente Iglesias buscará unha nova lexislatura á fronte do PP municipal, mentres que Víctor González foi nomeado como candidato socialista. O BNG tamén cambia de líder. A xornalista Vanesa Gómez Lourido substitúe a Luis Fernández á fronte do BNG, pero este continuará na primeira liña da candidatura.
Finalmente, Xermade contará con Roberto García liderando os socialistas unha vez máis, como alcalde e deputado provincial. Antonio Riveira foi presentado polo PP como candidato á Alcaldía para estes comicios e o BNG segue sen aspirante coñecido ao posto de alcalde.