Complétase a obra de rexeneración dunha vía no barrio de Lamaceu, na parroquia vilalbesa de Goiriz

O Concello de Vilalba vén de completar a rexeneración íntegra da capa de rodaxe dunha vía de 1.700 metros de lonxitude no barrio de Lamaceu, na parroquia de Goiriz.
“Un traballo que puidemos levar a cabo grazas ao equipo móbil da Deputación de Lugo co que contaremos durante as vindeiras datas no noso municipio”, subliñou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
O equipo móbil de asfaltado da Deputación de Lugo traballou na renovación íntegra da capa de rodaxe da pista do barrio de Lamaceu na parroquia de Goiriz, que foi completamente rexenerada mediante o recheo con diferentes tipos de pedra e a aplicación de catro capas de rego asfáltico.
Rouco agradeceu “o férreo compromiso da Deputación de Lugo co noso concello, que este ano volve contar con dous equipos móbiles para rexenerar a capa de rodaxe e limpar as cunetas nas pistas do noso rural”.
Nesa liña, o equipo de apertura e limpeza de cunetas atópase traballando na parroquia de San Lorenzo de Árbol, mentres que o equipo de asfaltado continúa os seus labores na parroquia de Goiriz, onde logo de completar a actuación no barrio de Lamaceu, xa deron comezo os traballos de rexeneración da pista do barrio de Cendán.
A alcaldesa asegurou que “a colaboración entre institucións é fundamental sempre, e neste caso máis se cabe; non podemos obviar que o noso municipio conta con máis de 1.500 quilómetros de pistas de titularidade municipal e esta é a única fórmula para poder axilizar os traballos de mantemento e rexeneración de das nosas vías”.