Complétase en Vilalba a renovación do alumeado na rúa Basanta Silva

A Concellería de Infraestruturas Urbanas de Vilalba vén de finalizar a renovación integral dos farois de alumeado público na rúa Basanta Silva, situada no casco urbano da vila.
A actuación inclúe a instalación de 14 novas luminarias de 4 metros de altura, en cor negra mate e con tecnoloxía LED, que seguen a mesma estética que as colocadas recentemente na Praza da Constitución.
Esta mellora forma parte do proxecto municipal encamiñado a modernizar as infraestruturas urbanas, avanzar na eficiencia enerxética e reducir o consumo eléctrico. As novas luminarias permiten unha diminución do gasto en iluminación pública en torno ao 45%, á vez que proporcionan un maior grao de intensidade lumínica, mellorando a seguridade e o confort das persoas que camiñan por esta zona.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “este tipo de actuacións teñen un impacto directo no benestar da veciñanza e nas contas municipais. Apostar pola eficiencia enerxética é apostar por un aforro sostible e pola modernización real dos nosos espazos públicos”.
Rouco tamén subliñou que estas luminarias están especialmente indicadas para vías urbanas e zonas residenciais, como é o caso da rúa Basanta Silva: “Queremos unha Vilalba máis agradable, segura e eficiente, e seguimos traballando para que o alumeado público da vila responda ás necesidades actuais”.
O Concello continúa así coa folla de ruta marcada para a renovación progresiva do alumeado en diferentes zonas e edificios públicos do municipio.