Compra na Mariña, desvirtualízate é a campaña para potenciar o comercio local mariñao

TerraChaXa | AMariñaXa
3 Jun 2019

Durante todo o mes de xuño chegará aos veciños da comarca a nova campaña de concienciación da FCAM Compra na Mariña, desvirtualízate co obxectivo de potenciar as compras no comercio local. Preséntase en varios formatos: con chapas/pins, que lucirán os empregados dos establecementos asociados; con servilletas, que estarán presentes nos locais hostaleiros; con vallas publicitarias e con anuncios en radio, en prensa, no cine, na televisión e nas redes sociais para tentar chegar ao maior número de persoas posible. Un dos principais destinatarios da campaña é a xente nova, que é a que máis compra a través de internet.
Compra na Mariña, desvirtualízate é unha campaña pensada en positivo, na alegría que supón saír de compras no comercio local e no orgullo que debemos sentir por sermos mariñáns. Os cinco sentidos son protagonistas das mensaxes que a partires de mañá estarán presentes en toda a comarca: entra, mira, toca, ule, proba…
A presentación tivo lugar no Cenima, en Foz. Na quenda de intervencións José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo, referiuse á liña de axudas da administración galega para a dinamización do comercio local e dixo: “hai que recoñecer que sen lugar a dúbidas o Concello de Foz, nos últimos catro anos, foi o Concello de Mariña que máis dinamizou o comercio. Non hai máis que ver dúas das rúas que se fixeron neste concello e que son as máis comerciais que existen no pobo de Foz, ademais da zona do porto que tamén se dinamizou. Por iso señor alcalde moitas grazas porque é algo que os focenses sempre o terán presente e aí quedará. Eu ben sei que no comercio hai moitas discusións cando se dinamizan os sitios. Sen lugar as dúbidas o que máis resultado deu foron as rúas peonís. Imaxínense agora volver a abrir as Catro Rúas de Ribadeo ou o casco antigo de Lugo e que transitaran os coches por alí, onde hoxe temos rúas peonís e zonas comerciais”.
Sobre a importancia do comercio local falou o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña e alcalde de Burela, Alfredo Llano: “estes días o comercio de Burela está a tope. É bo comprar no comercio de Burela, no de Foz ou no de Ribadeo porque a xente sabe quen es, os gustos que tes, o que pode ofrecerche, e vaicho dar perfectamente, vai quedar contigo e ter a responsabilidade inmediata de atenderte. Sabe moi ben como debe cumprir e nosoutros tamén queremos que sexades conscientes de cumprir con eles. O comercio é totalmente necesario, é case obrigatorio telo porque senón os pobos desaparecen. Onde hai por exemplo un restaurante ou unha tenda cunha historia de corenta e cinco anos, dun día para outro pecha e xa quedou ese pobo un pouco orfo na economía, na atención e na preferencia da xente para ir a visitalo”.
O alcalde en funcións de Foz, Javier Castiñeira, manifestou que “cando se fala de humanización dos lugares, aquí en Foz, agradézolle ao señor Balseiro que o recoñeza, fíxose un proceso de humanización importante do noso comercio, creouse o Centro Comercial Aberto, porque entendíamos que era positivo e seguimos pensando que é moi positivo. Xa simplemente a palabra humanizar é a primeira ferramenta que podemos ter contra a globalización, ou sexa, darlle prioridade ás persoas. O que víamos nese vídeo, posto que non é o mesmo estar palpando no móbil e vendo mil posibilidades que facelo presencialmente, tocando e valorando a atención do dependente. Hai que poñer eses valores por diante, seguir humanizando o noso comercio, ser valentes todas as administracións para tratar de poñer ás persoas por diante das máquinas e dos teléfonos, porque se facemos o contrario estamos axudándolle á globalización a que nos siga comendo”.
E o presidente da FCAM lembrou que “a Federación leva sete anos cun obxectivo común e claro, que é facer pobo e facer Mariña, é do que se trata. Tratamos de estar todos xuntos e este ano pasiño a pasiño un dos obxectivos é chegar aos mil socios, desde Ribadeo a Vicedo, e con Lourenzá agora mesmo. Tamén queremos agradecer tanto a nivel individual como colectivo ás administracións, a súa implicación de sete anos con nós, tanto das locais como as da Mancomunidade, a Xunta e a Deputación. Todo iso está creando un ambiente cada vez máis positivo. É máis fácil de traballar porque traballar en equipo é o máis fácil que pode ter un. Hai que ter esa mentalidade como falaba Alfredo, hai que ter a mentalidade da Xunta de axudar aos colectivos a través das liñas que hai, a mentalidade dos alcaldes, neste caso en Foz foi o tema das rúas no que traballamos para humanizalas, as vantaxes unhas veces vense a curto prazo e outras a máis longo”.
E engadiu que “do que se trata desde a Federación desde o primeiro momento é de estar xuntos, falar todos coas administracións, e combinalo coas campañas individuais, xa que cada un ten para defender o seu. Esta campaña é un exemplo das moitas cousas que temos. Entón a mentalización é importante e estas campañas axudan a darlle visibilidade ao comercio local, ao que temos máis preto, ao que fai pobo”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13148880004883