Comprar nos comercios da Mariña pode ter premio ata o 25 de novembro
A Federación de Comercio A Mariña repartirá 8.000 euros en premios do 16 de setembro ao 25 de novembro. Será durante a campaña 1.000 motivos para mercar na Mariña, que arrinca este luns.
A FCAM sorteará 1.000 euros en premios en cada asociación que a conforma desde o 16 de setembro ao 25 de novembro. Haberá un premio de 500 euros e outros 5 de 100 euros en cada localidade (Viveiro, Foz, Xove, Burela, Ribadeo, Covas, Lourenzá e O Vicedo). Serán, coma sempre, en vales de compra para consumir nos establecementos asociados durante os 30 días seguintes á celebración do sorteo en cuestión.
As persoas que fagan as súas compras nos establecementos asociados recibirán rifas para participar nos sorteos que terán lugar os luns na sede de cada Acia participante. A campaña 1.000 motivos para mercar na Mariña desenvolverase do 16 ao 22 de setembro en Viveiro e o sorteo dos 1.000 euros terá lugar o día 23 nos locais do Centro Comercial Histórico; en Foz a campaña terá lugar do 23 ao 29 de setembro e o sorteo será o 30 en Acia Foz; en Xove desenvolverase do 14 ao 20 de outubro e o sorteo realizarase o día 21 na Aciam; a Burela a campaña chegará do 21 ao 27 de outubro e o sorteo está previsto para o día 28 no CCA burelés; en Ribadeo a campaña será do 28 de outubro ao 3 de novembro e o sorteo farase o 4 en Acisa; en Covas esta campaña da FCAM terá lugar do 4 ao 10 de novembro e o sorteo será o 11 en Beiras de Viveiro; 1.000 motivos para mercar na Mariña será en Lourenzá do 11 ao 17 de novembro e o sorteo efectuarase o 18 na Acia laurentina. A campaña rematará do 18 ao 24 de novembro en O Vicedo, onde o sorteo será o 25 na Acia desta vila.
Desde a FCAM subliñan que “as rifas das compras realizadas nunha localidade durante os períodos de tempo establecidos, só serven para entrar no sorteo desa localidade. É dicir as rifas de Viveiro serven unicamente para Viveiro, as de Burela so para Burela e así en todos os casos. Serán válidos os tíckets e rifas das compras feitas nos establecementos asociados durante toda a semana na que se realice o sorteo. Os días dos sorteos sacaranse as combinacións premiadas, segundo as rifas repartidas en cada localidade e os números faranse públicos nas redes sociais da FCAM e da asociación participante cada semana e tamén a través dos medios de comunicación da comarca”.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, lembraba hai uns días que “o que pretendemos con esta campaña é seguir facendo comarca comprando nos comercios asociados das nosas localidades. Para que as nosas vilas teñan futuro temos que seguir apostando polos negocios que temos a carón da nosas casas. E para esas persoas que apoian aos establecementos asociados son estes premios, 8.000 euros en vales de compra para poder gastar despois da volta ao cole e antes do Nadal”.