Supervisan en Friol as obras que permitirán convertir o PAI nunha escola infantil

LugoXa | TerraChaXa
Sumaranse case 200 metros cadrados e 20 prazas, ata poder acoller a 51 nenos e nenas de 0 a 3 anos
Escola-infantil-Friol
10 Dec 2025

A Xunta avanza nas obras de acondicionamento e rehabilitación enerxética dun edificio en Friol que permitirá converter o Punto de Atención á Infancia (PAI) nunha escola infantil, ampliando tanto a capacidade como os servizos. A Consellería de Política Social e Igualdade asume o 90% do orzamento, achegando ao Concello máis de 220.000 euros para esta actuación, financiada con fondos europeos do Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia (MRR).

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que se executan nunha zona en desuso anexa ás instalacións actuais, ás que se conectará polo interior. Sinalou que están próximos a rematar e, con iso, sumaranse case 200 metros cadrados e 20 prazas, ata poder acoller a 51 nenos e nenas de 0 a 3 anos.

A intervención incluíu a mellora da envolvente térmica da fachada e a substitución completa da cuberta e das carpintarías por outras máis eficientes desde o punto de vista enerxético. No exterior tamén se habilitou unha zona de xogos con pavimento de caucho.

As actuacións no interior consistiron na execución das instalacións de fontanería e saneamento, dous baños para uso infantil, a distribución de estancias e os acabados, con pavimento vinílico antideslizante, falsos teitos, sistema de protección de incendios, pintado, iluminación e calefacción por solo radiante, entre outros.

Arias subliñou que “é unha satisfacción que en concellos rurais como o de Friol exista demanda para ampliar os servizos de atención á infancia”, e destacou o respaldo do Goberno galego “para dar resposta a esta necesidade e contribuír a que o municipio sega medrando co asentamento de poboación moza”.

⚙ Configurar cookies
0.076202154159546