Concello das Pontes e a asociación Seara achegan posturas sobre o futuro industrial

A Asociación de Empresarios Seara das Pontes continúa coa súa axenda de reunións periódicas co Concello para tratar asuntos que afectan ao tecido empresarial da localidade.
Durante o encontro, abordáronse temas como a situación actual dos polígonos industriais e posibles proxectos de mellora, as novas iniciativas empresariais interesadas en instalarse nas Pontes, a aplicación do orzamento municipal na área industrial e o estado dos pagos pendentes, entre outros asuntos de interese para o sector.
Desde a asociación agradécese a disposición do alcalde, Valentín González, e dos concelleiros Ana Pena, Roberto Rivera e Manuel Rodríguez, por atender as peticións do empresariado local e comentar aspectos que preocupan ás empresas do municipio.
A Asociación de Empresarios Seara das Pontes mantén o seu compromiso de seguir traballando de maneira coordinada coas administracións para potenciar o desenvolvemento económico e industrial das Pontes e ofrecer apoio ás empresas que operan ou desexan instalarse no municipio.