Concello das Pontes e Seara impulsan o emprendemento nunha xornada

TerraChaXa
Ofreceu contidos clave como a tramitación coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria, as opcións de financiamento e subvencións existentes, e os pasos para deseñar un plan de empresa
xornada-emprendemento-as-pontes
10 Oct 2025

A Casa Dopeso acolleu a xornada formativa Atrévete a Emprender: como transformar unha idea nun negocio, organizada pola Asociación de Empresarios e Empresarias Seara, coa colaboración do Concello das Pontes e da Deputación da Coruña.

Dirixida a persoas con interese en iniciar unha actividade económica, a xornada ofreceu contidos clave como a tramitación coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria, as opcións de financiamento e subvencións existentes, e os pasos fundamentais para deseñar un plan de empresa viable. A sesión buscou ofrecer ferramentas prácticas a quen desexa transformar unha idea nun proxecto real e sostible.

Desde a Concellería de Industria destacouse o papel fundamental destas accións formativas para fortalecer o tecido empresarial pontés. Neste sentido, Ana Pena, concelleira de Industria, sinalou: “A nosa prioridade é poñer os medios para que quen teña unha idea e gañas de emprender atope no Concello un aliado. Este convenio con SEARA é unha ferramenta moi útil que nos permite apoiar a creación de novos proxectos, ofrecer acompañamento técnico e reforzar o papel das mulleres no ámbito empresarial. Apostar polo emprendemento é apostar polo futuro económico das Pontes.”

A xornada Atrévete a Emprender está incluída no marco do convenio de colaboración entre o Concello das Pontes e a Asociación Seara, que se renova e actualiza cada ano. A través deste acordo, o Concello financia accións formativas, servizos de asesoramento individualizado, apoio á consolidación de proxectos empresariais e iniciativas específicas para fomentar a participación das mulleres empresarias e autónomas.

Tamén se inclúen no convenio os servizos de consultoría para a tramitación de axudas e subvencións, programas de asesoramento financeiro, así como os custos operativos necesarios para o funcionamento da Asociación Seara.

⚙ Configurar cookies
0.080554008483887