Concello e a pediatra de Foz acordan un programa seguro para a visita dos Reis Magos
Os Reis Magos preparan a súa chegada a Foz con seguridade despois de recibir a carta que lles enviou a pediatra do centro de saúde focense, María, amosándolles a súa preocupación pola pandemia do Covid 19 e solicitándolles colaboración para evitar contaxios durante a súa visita ao concello.
Para demostrar a súa preocupación porque os máis pequenos de Foz continúen crendo na maxia do Nadal, as súas Maxestades pasaron polo municipio para deixar as caixas de correo nos lugares máis sinalados de todo o concello para que ningunha carta se perda. Así mesmo estiveron en contacto cos sanitarios e as autoridades municipais, para que todo quede listo e que no mes de xaneiro os verdadeiros protagonistas do día 6, que son as nenas e os nenos, vexan colmadas as súas ilusións.
O alcalde, Fran Cajoto, supervisou directamente todas as accións encamiñadas a manter intacta a maxia do Nadal en Foz. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, quixo “dar as grazas a todos os que axudaron aos Reis Magos de Oriente a atopar Foz e traernos a súa ilusión nun ano tan difícil como foi 2020.”
Dende o Concello de Foz agradecen a todos os que colaboraron na elaboración da programación do Nadal, técnicos e operarios municipais, empresas adxudicatarias, asociacións municipais e poboación focense. Fran Cajoto recorda que “hai que seguir pendente das redes sociais e páxinas do Concello para ver máis sorpresas que virán nos próximos días”.