Concello e PSOE reclaman ao Sergas a súa actitude co centro de saúde de Parga
Tanto o Goberno local como os socialistas da localidades sumáronse ao colectivo Parganondivide para criticar a decisión de pechar o centro de saúde de Parga durante o mes de agosto.
O Concello de Guitiriz critica a decisión do Sergas de pechar o consultorio de Parga en agosto e reclamará que durante ese mes se cubran as vacacións do persoal, como ocorre noutros centros de saúde e en calquera servizo público.
Desde o goberno local tamén amosan o seu malestar con que a Consellería de Sanidade tomase esta decisión sen dar ningún tipo de aviso nin explicación, simplemente colocando unha nota na porta do edificio e derivando a atención ao centro de saúde de Guitiriz.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, sinala que “por desgraza isto é un episodio máis da recorrente ausencia de médicos que estamos a sufrir no consultorio de Parga desde que se produciu a súa reapertura, que hai que lembrar que xa non foi total como eles mesmos prometeran”.
“Con este tipo de decisións os usuarios e usuarias do centro de saúde de Parga están sufrindo un deterioro progresivo do servizo co que si contaban ata o ano 2020, o Sergas debe tomar medidas dunha vez por todas, cumprir o prometido e devolver a normalidade ao funcionamento deste centro de saúde”, destaca Morandeira.
PSOE
Pola súa banda, o Partido Socialista de Guitiriz denuncia a “continúa discriminación á que o Sergas está a someter, decisión tras decisión, aos usuarios e usuarias do consultorio de Parga que ven como cada vez se empeora o servizo”.
Os socialistas critican o recente anuncio do peche do centro de saúde no mes de agosto. “Danlle tan pouco importancia a este servizo que se limitan a colocar unha nota en papel colgada na porta, sen dar ningún aviso nin aos usuarios e usuarias nin ao Concello”, destacan.
A alcaldesa socialista, Marisol Morandeira, sinala que “esta é a política de sanidade da que tanto alardea o PP na Xunta de Galicia e o señor Feijoo a nivel nacional, unha política que provoca que os cidadáns perdan dereitos, que teñan que desprazarse para ir ao médico e que sobrecarga ao persoal, todo un éxito”.