Concellos das Pontes, Ortigueira e Mañón únense para impulsar o Camiño dos Arrieiros
Os concellos das Pontes, Ortigueira e Mañón asinaron o convenio de colaboración no que os tres municipios acordaron poñer en marcha as medidas e proxectos necesarios para a posta en valor, conservación e promoción do Camiño dos Arrieiros, a antiga ruta comercial que unía as comarcas do Eume e o Ortegal.
O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; xunto cos rexedores de Ortigueira e Mañón, Juan Penabad e Alfredo Dovale, respectivamente, rubricaron este acordo nas dependencias do Museo Etnográfico de Monte Caxado. Este compromiso tamén recolle a candidatura desta imporante vía de comunicación de case 50 quilómetros ao Programa de Camiños Naturais do Ministerio de Agricultura, e que se encargará de xestionar a asociación Seitura 22.
González Formoso apuntou que o acordo firmado hoxe era unha “asignatura pendente” co patrimonio destes tres concellos, e subliñou a importancia de darlle valor e “recuperar parte dunha historia que non todos os municipios teñen e que é preciso dala a coñecer ás xeracións futuras”.
O rexedor pontés explicou que agora queda por diante un importante traballo que pasa pola correcta conservación desta ruta, a súa sinalización, a xestión de axudas tanto europeas como estatais e autonómicas, que permitan a súa conservación e a correspondente promoción xa que, ao seu xuízo, esta gran riqueza patrimonial será do máis atractiva para os turistas, co correspondente beneficio para a economía destas bisbarras.
Pola súa parte, o alcalde de Ortigueira amosou a súa satisfacción pola posta en marcha deste acordo, desexando que sexa o primeiro de moitos novos proxectos conxuntos, un desexo ao que tamén se sumou o primeiro edil de Mañón. Na súa intervención, Alfredo Dovale quixo lembrar ao que foi o seu antecesor no cargo, Alfonso Balseiro, falecido hai uns meses, e que foi un dos principais impulsores da recuperación e protección do Camiño dos Arrieiros.