Concellos do Xistral presentan alegacións á modificación da lei de especies protexidas

TerraChaXa | AMariñaXa
Os alcaldes dos concellos da Serra do Xistral presentaron alegacións contra o proxecto de modificación do Real Decreto de especies ameazadas.
serra do xistral cabalos
26 Feb 2021

Os alcaldes dos concellos da Serra do Xistral presentaron unha serie de alegacións contra o proxecto de modificación do Real Decreto de listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e do catálogo español de especies amezadas.

O documento, que encabeza O Valadouro, foi subscrito tamén polos alcaldes dos concellos de Abadín, Alfoz, Cervo, Muras, Ourol, Viveiro, Xermade e Xove, todos eles vinculados á serra do Xistral.

Nun principio o colectivo asegura que a publicación dunha norma xenérica para regular a situación do lobo en toda España, non é efectiva, nin xusta, nin apropiada, dado que, "non son uniformes as zonas (hábitats) onde coexiste o lobo con outras especies e coa poboación da contorna, e desta forma, faise necesario contar con estudos pormenorizados que reflictan a realidade existente e determinen as accións necesarias en cada caso específico".

Engaden tamén que a Serra do Xistral e un ente natural único "cuxa conservación depende en gran medida da gandería extensiva, en especial do gando equino". Esta coexistencia entre o cabalo e o lobo prodúcese en contados lugares do planeta (Galicia, Norte de Portugal, Mongolia e poucos outros) e cando se chega ao desequilibrio, feito contrastado, por exceso poboacional do lobo, "pasamos de 237 avisos de ataque en 2013 a case 1000 en 2020, sen contar os non denunciados por diversas cuestións". Consideran por tanto que  abócase á actividade gandeira ao abandono ante o risco de ataques aos seus animais, fundamentais para a conservación de toda a contorna.

"O manexo ancestral que fixeron os poboadores desta serra caracterizouse pola tradición de manter unha gandería extensiva en estado salvaxe ou semi-salvaxe conformada por mandas de cabalos e rabaños de vacas, os cales pastaron en liberdade e preservado a peculiar vexetación deste hábitat, son os cabalos e vacas que pastan no Xistral, o seu manexo secular, os seus curros e as súas rapas unha das maiores manifestacións culturais, etnográficas e turísticas da nosa comarca", explican

Por todo o exposto, e ante o debate suscitado pola posible inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, que basicamente implica o paso da consideración do lobo como especie regulada polas normas cinexéticas a ser especie protexida polas leis de Patrimonio Natural, solicitan un aprazamento na toma de decisións relativas ao lobo ibérico e a
apertura de diálogo con todos os sectores afectados: gobernos autonómicos, concellos gandeiros e os seus representantes.

Piden tamén que se recoñeza a actividade gandeira de cría de cabalos e gando vacún en liberdade no Xistral, así como noutras montañas galegas, como unha actividade económica e patrimonial cultural a protexer así como dos servizos e beneficios que supoñen para o medio ambiente e modo de vida do interior da provincia de Lugo.

Engaden que se considere este territorio como un enclave natural prioritario na posta en marcha de actuacións e investimentos para xerar experiencias e modelos demostrativos que fagan viable este tipo de gandería e a súa coexistencia co lobo e que o Goberno do Estado implemente os mecanismos necesarios para a coordinación entre os ministerios competentes, así como cos Gobernos Autonómicos, os Concellos afectados, e os axentes sociais para a posta en marcha de estudos técnicos que determinen as pautas para seguir nos próximos anos para alcanzar o reequilibro natural dos ecosistemas, debido a que entendemos que o lobo é só un habitante máis da súa contorna. Non é o único problema, nin a única solución.

Conclúen diciendo que a Serra do Xistral, polo seu peculiar e importante transcendencia ambiental, sexa contemplada zona prioritaria á hora de emprender os estudos necesarios para a súa total ordenación, conservación e reequilibrio ecolóxico.

0.20356583595276