Concentración de vespas e concerto, este domingo en Meira

O concello de Meira acollerá o vindeiro domingo 27 de abril dúas citas destacadas no seu calendario cultural e de lecer. Pola mañá, terá lugar o VIII Paseo Primaveral Vespa Lugo, unha xuntanza de afeccionados ás clásicas scooters. O encontro será no mosteiro de Santa María de Meira a partir das 10:00 horas.
Pola tarde, a cultura será a protagonista coa actuación do grupo Lucus Ensemble, que ofrecerá o seu concerto Percorrendo Castelao na Casa da Cultura de Meira. A cita musical comezará ás 19:30 horas e forma parte das actividades de difusión da figura de Castelao ao longo do 2025. Unha oportunidade perfecta para combinar nun mesmo día motor, natureza e música no corazón de Meira. Está organizada pola asociación cultural Eme de Meira.