Conclúe o obradoiro Terras do Sor coa participación de Muras
A Xunta de Galicia entrego os diplomas ás 20 persoas alumnas-traballadoras que participaron durante o último ano no obradoiro de emprego Terras do Sor III, impulsado polo Concello do Vicedo agrupado con Ourol e Muras.
A Consellería de Emprego e Igualdade destinou 460.300 euros a financiar este taller, que ampliou a súa duración algo máis de tres meses como consecuencia da pandemia. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, asistiu á clausura xunto cos alcaldes dos tres municipios asociados -entre outras persoas-, e apuntou que os participantes “finalizan esta etapa con máis oportunidades de atopar un emprego ou de iniciar algún proxecto propio, xa que se formaron en campos que teñen demanda no mercado laboral e poden acreditar esa preparación cun certificado oficial válido en toda España”.
As dúas especialidades impartidas foron atención sociosanitaria a domicilio e traballos de carpintería de moble. Algunhas das obras proxectadas no Vicedo foron unha caseta para información e turismo, marquesiñas, carteis indicativos de topónimos e bancos de madeira. En Ourol actuaron no centro social de Bravos; acometeron o valado do parque infantil e fixeron mobiliario urbano. Pola súa banda, a programación en Muras incluíu melloras no centro cívico e a execución de dúas pasarelas para rutas peonís. Ademais, o alumnado do módulo de atención sociosanitaria desenvolveu as súas tarefas na residencia de maiores Betania de Viveiro.
Arias anunciou que está previsto que comece a cuarta edición desta iniciativa laboral, promovida polos mesmos concellos e financiada pola Xunta con 356.000 euros, incluídos os incentivos á contratación de seis participantes en empresas da zona por un mínimo de tres meses cando remate o tempo de formación.
No novo obradoiro dual formaranse outras 20 persoas desempregadas nas mesmas especialidades que no actual -no módulo de atención sociosanitaria, neste caso é en institución sociais-. “Ademais de apostar pola formación, os talleres realizan actuacións de interese xeral para os concellos, polo que esta nova edición servirá para dar continuidade a proxectos iniciados e para realizar outros novos”, concluíu Arias.