Conde analiza en Rozas o futuro dos programas tecnolóxicos e industriais

TerraChaXa
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participaron no aeródromo de Rozas na presentación das novas licitacións do programa de Solucións deste polo tecnolóxico e industrial.
20190219 Rozas2
20 Feb 2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participaron no aeródromo de Rozas na presentación das novas licitacións do programa de Solucións deste polo tecnolóxico e industrial. Durante o acto, Conde avanzou que en 2020 estarán executados os 150 millóns de euros que xa están programados.

Así, aos 10 millóns de euros da posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR); e do investimento conxunto de 115 millóns nun programa de I+D da man de Indra e Babcok en colaboración coa Xunta, súmanse os 24 millóns de euros de compra pública innovadora deste programa de Solucións.

Con estas dúas novas licitacións -que se suman ás oito anteriormente publicadas- a Xunta completa as dez contratacións inicialmente previstas e que se centran no desenvolvemento de solucións en catro áreas: forestal, medio rural, mar e sistemas aéreos.

Tal e como explicou Conde, o mércores, 21 de febreiro, publicaranse as dúas novas licitacións por un importe de 7,2 millóns de euros centradas na seguridade aérea e na xestión forestal. Con respecto á primeira o obxectivo, segundo informou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, é “compatibilizar a convivencia de avións tripulados e non tripulados no espazo aéreo”. Deste xeito, agárdase situar Galicia por diante neste eido, espertando o interese de grandes actores do ámbito nacional e internacional e creando oportunidades para as empresas facendo da Comunidade un referente no mercado dos vehículos non tripulados.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou neste acto a importancia destas solucións innovadoras no ámbito forestal, tanto para os propietarios dos montes como para a industria. Dixo que “este é un punto de partida fundamental” á hora de realizar un inventario real das parcelas existentes, así como para favorecer a ordenación do territorio e a seguridade dos habitantes do agro, en particular no que atinxe á loita contra os incendios.

Así, engadiu, o uso de avións non tripulados terá unha incidencia positiva no control das distancias das plantacións forestais aos núcleos de poboación ou a infraestruturas como estradas, liñas eléctricas ou vías férreas e tamén na mellora da sanidade vexetal, especialmente para loitar contra as enfermidades que afectan especies como o eucalipto ou o piñeiro.

Conde destacou que o proxecto de Rozas é unha aposta conxunta da Administración autonómica, da Administración central, a través dos ministerios de Defensa; Economía, Industria y Competitividad; e Fomento;  e das propias empresas e centros tecnolóxicos que están participando e que se van ir incorporando ás distintas iniciativas.

Principais cifras

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, asegurou que Rozas “xa é unha realidade que está dando resultados concretos” e enumerou os avances no dron mariño e nos helicópteros non tripulados nos que se están a realizar ensaios para a súa adaptación a plataformas como Lúa e Lumes.

Rozas está xerando 190 empregos de alta cualificación, 20 proxectos de I+D desenvolvidos por Indra e Babcock e a participación neles de 18 empresas e centros de coñecemento con contratos por valor de 18 millóns de euros. Todo isto “permitirá que Rozas sexa referente no eido do desenvolvemento de vehículos non tripulados para situarnos á vangarda en innovación, tecnoloxía e industrialización de procesos”, afirmou Conde.

O conselleiro avanzou, ademais, os próximos pasos que se darán neste eido como o lanzamento dunha nova aceleradora centrada neste sector, a Business Factory Aeronautic; a apertura de oficinas por parte da empresa de enxeñaría Gaerum en colaboración con Indra; a instalación por parte de Babcok do primeiro radar móbil do aeródromo; ou o anuncio de que Rozas será a base da futura aeronave do proxecto Fenyx.

0.17313599586487