Conde e o alcalde de Pol estudan iniciativas para incentivar ao empresariado local
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión co alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, no que se estudaron diferentes iniciativas para impulsar desde a colaboración institucional o tecido empresarial deste concello lugués.
Na xuntanza destacouse o potencial que ten o municipio para a industria forestal, un sector clave para a economía galega, e neste sentido, Conde lembrou que nas próximas semanas, tal e como xa se adiantou no Consello da Xunta, se publicarán apoios específicos para este sector por 12,4 millóns de euros. Así, por unha banda, poñerase en marcha unha orde de axudas cofinanciada con fondos Feader e dotada con 10,4 millóns de euros para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais. Activarase así mesmo un programa por 2 millóns destinado ás empresas da segunda transformación da madeira e o sector contract, co que se apoiarán os investimentos dirixidos á valorización, potenciación, innovación e mellora neste eido.
No encontro celebrado en Santiago de Compostela o conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén informou ao rexedor dos diferentes programas de apoio do seu departamento destinados á cooperación coas entidades municipais e abertos á presentación de solicitudes nestes momentos. Así, a Xunta ten aberto o prazo de tres programas que suman 16 millóns de euros e que permitirán que os concellos galegos poidan contratar, este ano, a máis de 1800 persoas desempregadas. En concreto, trátase das convocatorias correspondentes a persoas receptoras da Risga, Aprol Rural e persoas desempregadas para o desenvolvemento de obras e servizos de interese xeral e social. Os concellos tamén poden optar ás axudas para a posta en marcha de obradoiros duais de emprego, que suman 23,2 millóns de euros, ao novo programa para a formación e contratación de menores de 30 anos, dotado con 7 millóns de euros, ademais das axudas para a contratación de orientadores laborais, entre outros.