Conde informou de obras en estradas e da posta en marcha do servizo de roza en 22 concellos
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou sobre a aprobación por parte do Executivo Provincial en Xunta de Goberno de novas inversións por valor de 651.000 euros para melloras en estradas provinciais de 25 concellos, cos que o Goberno busca mellorar as dotacións públicas e servizos dos que dispoñen os veciños, e dentro da liña por converter a de Lugo nunha Deputación social, rural e coas persoas.
Son case 350.000 euros os que o Goberno da Deputación destina á rehabilitación de 12 quilómetros de 6 estradas provinciais que discorren por 3 concellos da provincia. Concretamente son:
- 112.512 euros para acondicionar 4,4 quilómetros de 2 estradas no Valadouro: 1,8 quilómetros da estrada LU-P-1502, que vai de Burela por Villaestrofe a Ferreira, entre os puntos 18,2 e 20 e 2,6 quilómetros da estrada LU-P-6303, que vai de Campón, por Güín a Eixo de Moas, entre os puntos quilométricos 0 e 2,6.
- 107.650 euros para acondicionar 3 quilómetros da estrada LU-P-5506 de Augaxosa a Trabada, no municipio de Trabada.
- 127.197 euros para acondicionar 4,5 quilómetros de 3 estradas en Viveiro: 1,3 quilómetros da estrada LU-P-6601, que vai de Misericordia a Silvarosa, entre os puntos 0 e 1,3; 1,3 quilómetros da estrada LU-P-6611, que va de Magazos a Fontecoba, entre os puntos quilométricos 1,1 e 3 e 1,9 quilómetros da estrada LU-P-6613, que vai do Cemiterio Novo á Igrexa de San Roque.
Campos Conde informou que tamén se aprobou, con outros 303.800 euros, contratar os servizos de roza e desbroce de maleza de estradas provinciais en 22 municipios da provincia. Estes son: A Pontenova, Riotorto, A Pastoriza, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz, Begonte, Castroverde, O Corgo, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas do Sil, Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
O Presidente lembrou que durante as últimas dúas semanas, o Goberno da Deputación aprobou investimentos na mellora de estradas provinciais por valor de 2,5 millóns de euros, sumando, no seu conxunto, inversións de 3,1 millóns de euros.