Conde reuniuse con gandeiros da Pastoriza para destacar o apoio do PP ao rural
O candidato número 1 da lista do PP lucense ao Congreso, Francisco Conde, e a número 2 ao Senado, María José Gómez, participaron acompañados pola presidenta do PP lucense, Elena Candia, nun encontro sectorial con gandeiros na Pastoriza onde subliñaron que “o apoio ao rural é unha dos principais obxectivos da candidatura de Alberto Núñez Feijóo” que quere “levar a axenda do rural ás prioridades do Goberno”.
Conde explicou que “o sector lácteo xera moito dinamismo dentro da economía en Galicia e moito emprego. Con resultados que están sendo moi positivos en termos de facturación” -con máis de 1.300 millóns de euros no 2022-, tamén en relación ao “incremento da rendibilidade das explotacións” e na progresiva transformación do leite ata alcanzar “un 63% aquí en Galicia, que é moi importante para xerar valor no territorio”.
O cabeza de lista ao Congreso pola provincia subliñou que “Galicia aposta pola innovación, a calidade e a tecnoloxía e, sobre todo, por unha vocación de permanencia para que o rural sexa un elemento de vertebración dende o punto de vista da xeración de emprego e de abrir oportunidades no rural”.
A Xunta de Galicia está desenvolvendo “medidas importantes como favorecer o relevo xeracional e a incorporación de mozos e mozas ás explotacións”. E avanza que estas “son medidas que Feijóo quere levar ao resto de España para impulsar o sector e que o rural estea na axenda do Goberno”.
LEI DE DESENVOLVEMENTO RURAL
Conde nomeou, entre as medidas do programa electoral do Partido Popular vinculadas ao desenvolvemento do rural, a proposta para “achegar os servizos públicos en igualdade de condicións ao rural ou impulsar medidas para favorecer o financiamento e a fiscalidade no rural”.
Dende o punto de vista social, o candidato citou o impulso dunha “maior conciliación, unha aposta clara pola incorporación e profesionalización da muller no rural e por dar oportunidades para que poida asumir cargos directivos, a incorporación de mozos e mozas e a formación”.
Outras medidas para o impulso e consolidación do sector rural que propón o Partido Popular son aprobar unha Lei de desenvolvemento rural que recolla un Plan de apoio á España despoboada, revisar o plan estratéxico da PAC para mellorar a viabilidade das explotacións gandeiras, mellorar o funcionamento da cadea alimentaria e desenvolver o Plan nacional sostible en materia de Gandería, Agricultura e Montes.