Conde sinala o apoio da Xunta ao proxecto de Ence para As Pontes
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou onte que o proxecto de Ence nas Pontes vai facilitar a Galicia seguir desenvolvendo o novo modelo industrial baseado na economía circular, as enerxías renovables e a sustentabilidade, dentro da aposta clara da Comunidade pola industria e por unha transición enerxética xusta.
Tal e como se lembrou, trátase dun proxecto complementario (que nunca alternativo) á factoría de Lourizán, que lle vai permitir á empresa pechar o seu ciclo produtivo en Galicia. A iniciativa consistiría na instalación dunha planta para a recuperación de papel e cartón e a produción de biocumbustibles e fibras naturais recicladas, cun investimento de entre 330 e 350 millóns de investimento e a creación de máis de 1.000 empregos entre directos e indirectos.
Na súa intervención, Conde destacou o compromiso con Galicia de Ence, e sinalou que, no relativo ao proxecto das Pontes, a Xunta leva tempo traballando conxuntamente coa compañía para identificar o emprazamento idóneo, e que esta colaboración se vai manter ao longo de todo o ano que a empresa se dá de prazo para avaliar os aspectos técnicos, ambientais e financeiros.
No relativo á factoría pontevedresa, o vicepresidente primeiro sinalou que a Administración autonómica vai seguir traballando para que poida continuar a súa actividade, defendendo, xunto coa empresa, os traballadores, a industria auxiliar e loxística, o sector forestal e o Porto de Marín, que Ence siga na Ría de Pontevedra.
Neste punto, lembrou que hai argumentos para pensar que isto é posible: que a proposta de adscribir os terreos ao porto de Marín sexa considerada legal, xurídica e tecnicamente viable; e a decisión do Tribunal Supremo de admitir a trámite o recurso de casación presentado por Ence pola anulación da súa concesión en Lourizán.
Segundo remarcou o vicepresidente primeiro da Xunta, a segunda fábrica de Ence nas Pontes suporá unha oportunidade máis para a reactivación industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e para converter estas zonas consideradas de transición xusta como foco do binomio industria-sustentabilidade que a Administración autonómica defende neste contexto de transición enerxética.
Conde lembrou que esta proposta se suma, ademais, a outros proxectos que tamén se prevé desenvolver nas Pontes, como o de Reganosa e EDP, para instalar unha planta de hidróxeno verde, e Sentury, que proxecta implantar unha factoría de pneumáticos das máis eficientes e avanzadas do grupo. A Xunta tamén aprobou recentemente iniciativas empresariais prioritarias na zona: unha fábrica de metanol de Forestal del Atlántico en Mugardos e a planta de reutilización de residuos de Valogreene Recinor nas Somozas.
O vicepresidente económico salientou que a Xunta vailles dar a máxima prioridade administrativa e prestará a máxima colaboración para que todos os investimentos que Galicia está captando se poidan consolidar e converter en proxectos tractores para a cadea de valor dos seus respectivos sectores.