Condenan o acto vandálico contra o busto de Manuel Fraga en Vilalba

TerraChaXa
A Fundación Manuel Fraga e o PP local reclaman protección do patrimonio público e rexeitan ataques que poidan polarizar a convivencia democrática
Busto-Fraga-Vilalba-vandalizado
21 Feb 2026

A Fundación Manuel Fraga Iribarne manifestou a súa firme condena polo acto vandálico perpetrado nas últimas horas contra o busto de Don Manuel Fraga, situado na Alameda de Vilalba. A entidade cualifica estes feitos como un atentado contra o patrimonio público e contra os principios básicos de convivencia democrática que deben rexir a vida institucional, lembrando que o respecto polos espazos e bens comúns é un elemento esencial do Estado de Dereito.

A Fundación destacou a relevancia de Fraga na configuración da etapa constitucional e no desenvolvemento institucional de Galicia, exercendo altas responsabilidades públicas ao longo da súa traxectoria política, e insistiu en que a preservación da súa memoria debe situarse no ámbito do debate académico e democrático, nunca en accións vandálicas. Así mesmo, solicitou ás autoridades competentes a investigación dos feitos e a adopción de medidas que garantan a protección do patrimonio público e eviten reiteracións semellantes. A entidade amosou preocupación polo intento de retirar o busto de Fraga no Senado de España, lembrando que calquera debate sobre símbolos institucionais debe realizarse nos procedementos parlamentarios establecidos e con respecto á pluralidade democrática.

O Partido Popular de Vilalba tamén expresou a súa rotunda condena ante o ataque, sinalando que non se trata dun feito illado, senón dunha reiteración inaceptable que evidencia unha actitude intolerante e antidemocrática. Desde o PP local advertiron que “atentar contra un busto ou contra calquera símbolo público non é un simple dano material: é un ataque directo á convivencia, á pluralidade política e á historia compartida de todos os vilalbeses”. Fai referencia tamén á campaña contra Fraga no Senado promovida polo BNG, lembrando que hai tres anos a Mesa do Senado aprobou que o busto permanecese nas súas instalacións en recoñecemento a Fraga como un dos pais da Constitución, acordo que merece respecto e lealdade institucional.

O PP de Vilalba cualifica como “absolutamente incomprensible e irresponsable” que certos partidos promovan iniciativas destinadas a boicotear a permanencia do busto, e insiste en que o silencio ante un acto vandálico non é neutralidade, senón complicidade. Reiteran que a discrepancia política é lexítima, pero nunca debe traducirse en vandalismo, ataques ao patrimonio público ou campañas de confrontación, e esixen que se depuren responsabilidades e se adopten medidas para protexer os bens públicos. Finalmente, reafirman o seu compromiso coa defensa da legalidade, da liberdade e do respecto institucional fronte a calquera intento de división ou imposición ideolóxica.

0.078572988510132