Constantino Fernández: “O proxecto máis inmediato é a reactivación socioeconómica”
Constantino Fernández Leira dirixe dende hoi oito anos o Ceip O Salvador da Pastoriza, un dos centros do rural que terá algúns cambios debido á covid-19. Natural de Pontedeume, este mestre de 52 anos é xa un pastoricense máis, xa que leva traballando na vila dende hai 14 anos, e en especial tras asumir o papel de voceiro do equipo de Goberno local.
Como se prepara o centro para a chegada do novo ano?
Este é un curso moi diferente a calquera outro que se vivira ata agora. Os meus compañeiros e compañeiras traballaron moito e ben para que o centro educativo teña as máximas condicións de seguridade e os nenos e nenas poidan estar nun entorno seguro e a súa educación académica e socioemocional se vexa o menos afectada posible.
Que papel xogaron as distintas administracións nesta situación?
A Xunta ten todas as competencias educativas na nosa comunidade, estou totalmente seguro que os traballadores e traballadoras da administración educativa fixeron todo o que puideron e máis; un exemplo de todo iso é que a gran maioría dos equipos directivos dos centros escolares quedaron sen vacacións para preparar os seus centros ante o novo curso. Durante o mes de xullo remataban a carga burocrática do curso 2019/20 e durante o mes de agosto preparaban o curso 2020/21.
A Consellería de Educación anunciou que se ían dotar aos centros con material de protección, a día de hoxe, non sabemos que material van enviar nin cando. A Consellería de Educación anunciou probas PCR aos docentes, ao final foron probas serolóxicas, que están ben pero parece que existe unha distorsión da realidade cara á opinión pública. Frente a todo iso as administracións locais tiveron que asumir responsabilidades que non lle correspondían, por exemplo: o reparto de máscaras, axudas en material escolar, impresión das tarefas escolares, etc.
Que vantaxes ou desvantaxes supón agora un colexio rural? E antes?
Nos colexios rurais existe cando menos a mesma ou superior calidade educativa que nas cidades ou pobos grandes. Magníficos profesionais, conexións a internet e medios dixitais moi aceptables, ratio de alumnado que permite una educación individualizada, relación coas familias moi boa, conexión do alumnado co seu entorno máis próximo... O único pero é cando a administración educativa quere rendibilizar centros e acaba xuntando alumnado de diversos cursos para amortizar profesorado. Eu estou tan contento que os meus fillos están aquí matrículados.
Que se lles pide aos pais con esta nova situación?
Cando unha nai ou pai deixa o seu neno ou nena con nós demostra a confianza que ten no centro educativo e nas persoas que traballamos nel. Nesta nova situación esta aposta dos pais e nais é dobre; sinto moitísima responsabilidade por facer as cousas perfectas para respostar a esa confianza. Podo pedirlles tranquilidade, pero como pai, sei que é moi difícil.
Este ano cambiaron o horario. A que foi debido?
Este é un curso moi especial polo que tras unha reunión coa Anpa, detectamos que algúns pais e nais querían que os seus fillos non fixeran uso do comedor mentres durara esta situación. Así, se a Xefatura Territorial de Educación o permite, faremos pequenas variacións para que os pais/nais que o desexen leven os seus fillos a xantar á súa casa e os que se queden no comedor non se vexan perxudicados en nada.
Como combina o papel de director do colexio e o de concelleiro?
Non se poden mesturar as cousas. O meu traballo como mestre, e nestes intres na responsabilidade da dirección do centro educativo, é totalmente independente do meu labor político. Axuda, sen embargo, saber as necesidades que teñen non só o Ceip O Salvador senón tamén os demais centros educativos para poder facer de canle fluído co concello. Cando falo de necesidades, non falo exclusivamente do labor educativo senón tamén do labor social, xa que coñeces de primeira man os problemas e inquedanzas de todo o entorno familar do alumnado.
Como valoraría o seu papel como portavoz do grupo socialista?
É un privilexio poder exercer de portavoz no Concello e traballar ao lado de Primitivo, Montse e Daniel. Son unhas persoas moi xenerosas xa que grazas ao seu traballo podo presentar iniciativas para mellorar a calidade de vida de todos e todas. Tocoume a min ser a voz e ao mellor ter un traballo máis vistoso cara a cidadanía pero é un traballo compartido.
Foi complicado sobrelevar a situación de pandemia?
É complicado, as administracións locais tiveron e teñen que asumir responsabilidades que non lle correspondían e moitas veces, non estaban preparadas nin tiñan dotación económica e persoal para levalas a cabo. Nestes intres é moi duro para min que se fale de nova normalidade cando a provincia de Lugo ten concellos como O Incio, Outeiro de Rei ou Lugo onde hai persoas que están falecendo. Creo que os galegos e galegas temos que repensar que os servizos esenciais non se poden mercantilizar; saúde, educación, coidado dos nosos maiores... non se pode deixar en mans exclusivamente de empresas privadas.
Como é o apoio das institucións?
O principal problema que tivemos no concello foi de comunicación para poder coordinar esforzos. O concello repartiu máscaras a todos os veciños e veciñas no peor momento da pandemia, os traballadores e traballadoras do concelllo desinfectaron as zonas sensibles, creou servizos de reparto de compra de comida e medicamentos para as persoas máis vulnerables ... A Xunta de Galicia enviounos material de protección e desinfectou algunhas zonas pero, por exemplo, se a día de hoxe o concello ten alguna persoa infectada non pode actuar para axudar a ese veciño ou veciña porque non o comunican. Isto non me parece razonable. A Deputación Provincial implicouse con todos os concellos tanto na parte de envío de material como o apoio económico (variando as condicións do Plan Único).
Que necesidades ten agora mesmo A Pastoriza?
Somos moi ambiciosos e somos conscientes que existen moitos proxectos para desenvolver e facer do noso Concello un referente provincial e autonómico. Catro referentes son a miña preocupación: un plan vial para ter as estradas que nos merecemos, apoio dende todas as administracións para valorizar a excelente materia prima que producimos, unhas conexións tecnolóxicas acorde co século no que vivimos e a construción dun centro de día.
Como é a convivencia no pacto de goberno co BNG?
Esta lexislatura chegar a un pacto de goberno foi, como xa se sabe, moi complicado, pero ao final primou o diálogo e o consenso. Somos dous partidos políticos diferentes, con algunas ideas compartidas e outras diferentes. Pero esas diferencias no ámbito local foron superadas. Por exemplo, tanto os socialistas como o bloque nacionalista cando falan de educación nunca falan de rendibilidade económica. Os cartos que se dedican a educación son unha inversión de futuro nunca un gasto. En términos futbolísticos, somos un equipo cun único capitán, Primitivo Iglesias que encabeza o goberno.
Cal é o proxecto máis inmediato?
Os proxectos máis inmediatos son para unha reactivación socioeconómica do noso Concello: bolsas para material escolar, axudas para os negocios que tiveron que pechar na pandemia. Pero si mo permite, hai un proxecto que me fai especial ilusión que é o Centro de Interpretación do Alto Miño en Fonmiñá.
Os rumores o sinalan como o sucesor natural do alcalde. Existe xa unha intención de facer o cambio?
Síntome moi eloxiado porque algunas persoas pensen que podo ser o sucesor dunha persoa como o noso alcalde, Primitivo Iglesias; pero, primeiro, o compromiso do noso alcalde é cando menos os catro anos de lexislatura, e segundo, dentro da candidatura actual e dentro da agrupación socialista da Pastoriza existen persoas moi válidas para ocupar ese posto na candidatura e traballar pola Pastoriza. De todos os xeitos, ser a persoa que suceda a Primitivo Iglesias, sería moi complicado, un gran alcalde e mellor persoa, querido por todos os veciños e veciñas e respetado por representantes políticos de todos os partidos políticos tanto no ámbito local como no autonómico.