Constitúen en Lugo un posto de mando avanzado da provincia
A Delegación territorial da Xunta en Lugo acolleu a reunión de constitución do Posto de Mando Avanzado (PMA) da provincia de Lugo, un instrumento operativo que ten por obxecto coordinar a mellor resposta para a prevención e seguimento da pandemia por coronavirus.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu a primeira reunión da PMA no que están integradas todas as consellerías e, tamén en particular, os representantes operativos dos servizos de Emerxencia e da Unidade Adscrita da Policía Autonómica.
Ademais dunha análise xeral da situación da provincia e do mellor xeito de dar resposta ás necesidades que presentan os distintos centros e persoal dependente da administración autonómica, a PMA encargarase de centralizar, en colaboración coa Fegamp, as necesidades dos concellos e prestar apoio ás funcións vinculadas coa actividade do COVID-19
A Delegación territorial da Xunta canalizará tamén as ofertas de doazón de material que poidan recibir as distintas consellerías por parte de empresas e particulares e organizar a distribución deste, cando se dispoña do mesmo, de acordo coas instrucións e prioridades establecidas polo Centro de Coordinación Operativa en Santiago (CECOPI) e as autoridades competentes.
Traballo continuo en todos os ámbitos
“A Xunta traballa sen descanso –tanto con medios sanitarios como non sanitarios- para impulsar medidas para loitar contra o virus e estar preparados para facerlle fronte en todos os ámbitos, e tamén para apoiar a quen máis o precisa e que non sufra un dano aínda maior a consecuencia desta situación de emerxencia”-dixo Balseiro
O delegado territorial puxo en valor o acordo do Consello da Xunta celebrado onte que supuxo a mobilización inmediata de 380 millóns de euros para loitar contra o virus e apoiar a quen máis o precisa no eido económico e social. E salientou que se introducirán reforzos inmediatos no ámbito sanitario e tamén en apoio de particular, empresas o autónomos que se vexan golpeados pola crise.
Balseiro quixo lembrar tamén que ata o próximo venres, día 27, está aberto un proceso para que, si algunha empresa de Galicia e, en particular, da provincia de Lugo, cre que pode fabricar ventiladores, mascarillas, gafas de protección ou vestimenta axeitada para o profesional sanitario, así o comunique directamente á Xunta e, deste xeito, a Axencia Galega de Innovación libere os fondos que sexan necesarios para que estas empresas poidan empezar a fabricalos.