Constituída en Outeiro de Rei a Mesa Local contra a violencia de xénero

TerraChaXa
O Concello de Outeiro de Rei acolleu a constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.
21 Nov 2018

O Concello de Outeiro de Rei acolleu a constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.

Nela participaron, ademais dos representantes políticos, técnicos do concello como a de desenvolvemento local, a traballadora social, a educadora social e a de prevención das drogodependencias.

Tamén participaron responsables de violencia de xénero da Subdelegación de Goberno, membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, dos colexios da zona, de centros sanitarios, así como da asesoría xurídica e técnica.

Segundo destacou a titular de Igualdade, o obxectivo xeral da Mesa Local de Coordinación é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero, xa que segundo indicou a violencia machista constitúe o máis cruel expoñente da falta de igualdade na sociedade e un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas constituíndo un atentado contra o dereito á vida, á seguridade e á liberdade, á dignidade e á integridade física e psíquica das vítimas e, polo tanto, un obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade mais xusta e igualitaria.

López Abella indicou que compete aos poderes públicos a loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático, e polo tanto,resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

Así mesmo, incidiu que é necesario que esa coordinación se estenda tamén ao ámbito municipal, favorecendo medidas de coordinación a través da posta en marcha e dinamización das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero nos municipios de Galicia, como instrumentos para optimizar a cooperación de todas as entidades implicadas neste obxectivo común.

0.18679308891296