Constituído o Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da denominación de orixe protexida (DOP) San Simón da Costa, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.
Así, este novo pleno quedou conformado por 2 vogalías correspondentes a Unións Agrarias e por 5 da Candidatura Independiente Queixos de San Simón.
Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron por unanimidade en ambos casos, que a presidencia do consello regulador a asuma Daniel Pérez Pérez, que repite no cargo; e para a vicepresidencia a Queixería Prestes, SL, representada por Adelaida Fernández Cuba.
Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.
Ao longo do día constituirase o resto dos consellos reguladores das restantes denominacións de orixe protexidas de queixos. Durante a semana tamén quedarán constituídos os novos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carnes de Vacún de Galicia, Castaña de Galicia, Pataca de Galicia e Pan de Cea; así como das denominacións de orixe de Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Rías Baixas. Por último, tamén se constituirá o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.