Continúa a limpeza de marxes de estradas na Terra Chá, Lugo e Sarria
A Xunta comeza este luns novas tarefas de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas nas provincias de Lugo e da Coruña.
A empresa pública Seaga será a encargada da realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.
No marco destas actuacións, esta vindeira semana iniciaranse estes traballos na LU-172, en Muras; na LU-540 en Muras e Xermade; e na LU-120 ao seu paso por Vilalba, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei.
Tamén continuarán os traballos na vía de alta prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria.
As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.