Continúa a loita da Comisión Contra as Minas
No mes de xaneiro o TSXG ratificou a negativa ante o recurso que Erimsa presentou para obter as licenzas
A Comisión Contra as Minas na Terra Chá continúa loitando para frear á multinacional chinesa de Explotaciones de Rocas Industriales y Minerales SA (Erimsa). O pasado mes de xaneiro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a negativa aos proxectos de extracción de cuarzo na Terra Chá por parte da multinacional. Estas sentenzas foron ditadas tralos recursos presentados por Erimsa despois de que en xaneiro do 2020 o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo xa desestimara as pretensións da Empresa. Como explica Margarita Ledo Andión –integrante do Sindicato Labrego Galego, unha das asociacións máis activas da Comisión Contra as Minas na Terra Chá–, “a empresa pretendía que lle reabriran o caso e o que lle di agora o xulgado é que non se pode facer”.
A multinacional presentara ditos litixios ao Concello de Cospeito para reactivar o procedemento que iniciara en 2008 –xa caducado– e obter as licencias para comezar a súa actividade no territorio cospeitense. Sen embargo, a empresa continuaba a día de hoxe sen contar cos informes sectoriais favorables dos diversos departamentos pertinentes da Xunta de Galicia. A nova sentenza recalca que é incuestionable que o expediente de autorización autonómica rematou nunha resolución firme desestimatoria e, ademais, que lle impón as costas do litixio á empresa mineira.
O TRABALLO DA COMISIÓN
A orixe destes feitos remóntase ao ano 2006, cando o Diario Oficial de Galicia fai públicas tres concesións mineiras para a extracción de seixo, a favor da multinacional Erimsa, sobre 6000 hectáreas nos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba, Abadín e Riotorto.
Ante as consecuencias negativas que podería traer consigo esta extracción mineira, creouse a Comisión Contra As Minas da Terra Chá, co fin de paralizar calquera actividade extractora que puidera alterar a capacidade agronómica de ditos concellos lucenses e o seu rico patrimonio cultural e natural. Carlos Montero, integrante da mencionada organización, explica que “debaixo da Terra Chá hai unha capa de seixo que une todolos ríos da comarca e impide que se produzan inundacións no inverno, á vez que humedece os campos no verán. É unha zona moi válida para o cultivo e a herba”. Unha realidade recollida en moitos traballos de catedráticos da USC como Francisco Díaz-Fierros nos que se deixa entrever a perigosidade do impacto ambiental dos proxectos de Erimsa, pois, como apunta a comisión “toda a economía da Terra Chá depende indirecta ou directamente do solo. Se sacan o seixo destrúen a vida da comarca”.
Esta entidade, conformada por colectivos agrogandeiros, comunidades de regantes, agrupacións deportivas, culturais e veciñais, ademais de representantes políticos de tódolos partidos, confórmase agora por un total de 26 asociacións. Dende a súa estruturación puxéronse mans a obra informando á veciñanza da gravidade da situación, organizando manifestacións e actos públicos reivindicativos e levando a cabo un intenso traballo xurídico tralo que seguen loitando a día de hoxe. “Presentamos a cada un dos proxectos máis de 2.000 alegacións de distinta xente á que lles afectaba a situación económica e éticamente”, apunta Carlos Montero.
No 2008, dous anos despois da publicación das concesións e da creación da Comisión, a empresa mineira solicitou as licenzas urbanísticas e de actividade aos concellos de Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza, os cales non contestaron á petición. A multinacional entendeu o silencio administrativo como unha concesión das licencias.
Tendo en conta a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, a Comisión Contra As Minas fixo unha instancia afirmando que non cabía entender o devandito silencio dos Concellos como unha licenza. Erimsa respondeu presentando un recurso no xulgado de Lugo e demandando aos Concellos pertinentes.
En 2016 denegáronse as licenzas municipais para as concesións dos terreos Alicia e Karles en Castro de Rei e Cospeito, despois de que xa se denegara a autorización autonómica. A nova sentenza do TSXG neste comezo do 2021 ratifica a negativa ante a reapertura do caso para poder iniciar a súa actividade, pero aínda quedan por pecharse varios recursos, Margarita Ledo comenta que “hai varios contenciosos pendentes, aos que os sindicatos fomos chamados a acudir e xa están vistos para sentenza”.
O que busca agora mesmo a Comisión é que se declaren as caducidades das concesións xa que, como explica Margarita, “duran 30 anos, pero se non se inicia a actividade nun período dun ano deberían comezar os trámites para desestimalas, pero non se fai”. Mentres a empresa aínda teña en vigor as concesións mantense a posibilidade da extracción, como comenta a integrante do Sindicato Labrego Galego, “a normativa do solo cambia case cada ano e Erimsa está agardando a que lle saia unha oportunidade que lle permita comezar a súa actividade e non o podemos permitir”.
Os Concellos tamén amosan a súa negativa ante os proxectos de Erimsa
No ano 2019 os máximos representantes das administracións publicas de Abadín, Castro, A Pastoriza e Cospeito, reuníronse coa Comisión Contra As Minas da Terra Chá para expresar a súa desconformidade ante os proxectos de Erimsa.
Os alcaldes explicaron a súa negativa ante a explotación do seixo, argumentando que o impacto que causaría o exercicio da multinacional podería ter graves consecuencias na capacidade agronómica dos prados, posto que estes terreos correrían o risco de ser deteriorados sen posibilidade de repoñelos ao seu uso natural.
Engadiron, ademais, que o seu traballo se baseaba no impulso de políticas que estimularan un maior acceso da base territorial das explotacións das súas localidades para favorecer a rendibilidade do sector gandeiro da Terra Chá. A día de hoxe, Primitivo Iglesias, alcalde da Pastoriza, expresa que segue a manter a mesma postura ante dita situación e que a derradeira sentenza causoulle “satisfacción”, debido a que os rexentes teñen “que mirar polos intereses dos veciños e veciñas, e A Pastoriza vive das explotacións agrogandeiras”. Iglesias afirma que en canto se teña a ocasión volveránse reunir para seguir estudando o avance da situación.