Continúa aberta a inscrición para facerse cos 30 novos composteiros en Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
 Ata o 23 de outubro estará aberta a inscrición no Concello de Burela para facerse cos 30 novos composteiros que se repartirán entre a veciñanza interesada.
Continúa aberta a inscrición para facerse cos 30 novos composteiros en Burela
10 Oct 2020

 Ata o 23 de outubro estará aberta a inscrición no Concello de Burela para facerse cos 30 novos composteiros que se repartirán entre a veciñanza interesada.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explicou que “grazas ao apoio de Sogama, no Concello de Burela ampliamos o programa de compostaxe doméstica a 30 novos fogares, co que poderiamos chegar a un total de 130 vivendas unifamiliares participando activamente nesta iniciativa”.

A edil burelesa dixo que “contamos cun total de 30 novos composteiros con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Todas as persoas interesadas poden inscribirse ata o 23 de outubro chamando ao seguintes teléfonos 982 580 867/647 136 673, ou ben achegándose á oficina de Gaia, sita na Praza de Abastos. Os requisitos para poder recibir, de xeito totalmente gratuíto, un composteiro doméstico son: estar empadroados en Burela, ser maior de idade e ter un espazo verde como horta ou xardín…”.

Eijo sinalou que “ademais dos composteiros as persoas que participen nesta campaña recibirán a formación necesaria para poder poñer en valor a materia orgánica mediante a súa transformación en compost e manuais didácticos nos que se detalla a operativa a seguir e dáse resposta ás dúbidas máis frecuentes. Dita sesión formativa terá lugar o 26 de outubro ás 19.00 horas no Salón de Conferencias, antiga biblioteca municipal. Ao remate entregaranse os composteiros a todos os participantes. Poderá asistir a dita sesión formativa calquera persoa que estea interesada nesta temática ou teña dúbidas ao respecto, aínda que non participen na campaña”.

A concelleira de Medio Ambiente manifestou que “o Concello de Burela será o encargado de facer o seguimento desta iniciativa para avaliar a súa acollida e a resposta dos cidadáns. Estes contan tamén cun sitio web específico www.compostaconsogama.gal , no que se recolle toda a información sobre este programa, completada con recursos divulgativos de gran utilidade”.

E engadiu: “estamos encantados coa fantástica acollida das edicións anteriores desta campaña, e estamos seguros da boa acollida desta nova, xa que temos incluso xente en lista de espera para recibir un composteiro, cos que nos poñeremos en contacto para apuntalos. Queremos recordar que a compostaxe doméstica de restos orgánicos permite non só acadar o mellor abono para cada horta ou xardín, senón tamén reducir en orixe os residuos, o que minimiza o seu impacto ambiental, un dos grandes problemas medioambientais actuais”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16364288330078