Continúa en Begonte un ciclo de cine sobre música tradicional cunha ollada ás mulleres e á tradición oral

TerraChaXa
O ciclo consta de tres proxeccións que afondan na relación entre a música, a tradición e o papel fundamental das mulleres na súa conservación
ciclo-de-cine-tradicional-begonte
10 May 2025

Este domingo continúa en Begonte o ciclo de cine dedicado á música tradicional, organizado pola asociación Castiñeiro Milenario. A iniciativa naceu como homenaxe ás cantareiras e á tradición oral, en sintonía coa celebración do Día das Letras Galegas, que este ano pon o foco na transmisión da cultura a través da música e da voz das mulleres.

O ciclo consta de tres proxeccións que afondan na relación entre a música, a tradición e o papel fundamental das mulleres na súa conservación. A primeira sesión xa tivo lugar o 12 de abril con dúas películas: Xorima e Labrando músicas.

A seguinte cita será este domingo, 11 de maio ás 18:00 horas coa proxección de Dorothé na vila, dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío sobre a viaxe que a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth fixo a Galicia nos anos 70 e que tivo unha importancia capital para (re)descubrir a grandísima tradición oral gardada polas mulleres durante décadas.

A proxección será na Casa da Cultura de Begonte a partir das 18.00 horas e de balde ata completar aforo. Posteriormente haberá un pequeno debate con Carolina Vázquez, mestra e recoñecida tocadora das Adufeiras de Salitre e Roberto Rodríguez, mestre de canto e pandeireta e recoñecido "recolledor" de música tradicional, para que nos falen da súa visión da película, da música tradicional, das recolleitas e de calquera tema relacionado coa nosa música.

O ciclo pecharase o 21 de xuño coa película Lévame a idea.

Todas as sesións serán de balde e terán lugar na Casa da Cultura de Begonte. A organizaciónanima á veciñanza e ao público en xeral a participar neste percorrido audiovisual pola música tradicional galega.

O ciclo conta coa colaboración do proxecto Xorima, a Asociación Gaiteiras Galegas, Navíos e Folerpas, a Deputación da Coruña e o Concello de Begonte.

⚙ Configurar cookies
0.16355395317078