Continúa este domingo o programa BTTeando por Guitiriz coa segunda saída do ano

TerraChaXa
A Ruta do Pantano terá as inscricións abertas a través dun formulario en liña ata o xoves 9 de abril
btteando-por-guitiriz-ruta-do-pantano
6 Apr 2026

O Concello de Guitiriz e o Club Btteiros Cova da Serpe organizan este domingo, 12 de abril, a segunda saída desta oitava edición do programa BTTeando por Guitiriz. Nesta ocasión trátase da Ruta do Pantano, programada a partir das 10:00 horas desde a área recreativa do Pantano de San Xoán.

O percorrido, de aproximadamente 20 quilómetros e cun desnivel acumulado de 300 metros, discorrerá por pistas e sendeiros da contorna do propio pantano. O itinerario está deseñado para todos os públicos e forma parte dunha proposta que, un ano máis, pretende achegar distintos recunchos de Guitiriz á veciñanza e ás persoas visitantes a través da práctica do ciclismo de montaña.

A participación é gratuíta, pero require inscrición previa a través dun formulario en liña, dispoñible nas redes sociais e na páxina web do Concello, que permanecerá aberto ata este xoves, 9 de abril.

Desde a organización lembran que é obrigatorio o uso de casco para participar na ruta e recomendan ás persoas asistentes levar auga e algunha peza de froita.

0.1174738407135