Continúa este venres o ciclo de teatro nas Pontes con 'As Fillas Bravas de Momán'

O Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes acollerá o venres, 31 de outubro, ás 20:30 horas, a representación da obra As Fillas Bravas de Momán, da compañía Chévere Teatro, dentro do Ciclo de Teatro de Outono.
A peza presenta a historia de tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta, seguindo o legado das súas nais e avoas. Son mulleres libres, fillas do vento e do toxo, que dan voz ás cantoras dunha estirpe rebelde e orgullosa das súas raíces.
Con este espectáculo, Chévere continúa a súa aposta por un teatro con perspectiva de xénero, que busca sensibilizar sobre a violencia machista e as desigualdades entre homes e mulleres. As Fillas Bravas propón unha revisión contemporánea das mulleres da tradición galega, reivindicando o seu empoderamento, forza, rebeldía e creatividade, a través dun traballo que combina humor, música e crítica social.
A obra constitúe tamén unha investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles femininos na sociedade tradicional, tomando como base as coplas e o cancioneiro popular galego.
A función será accesible para todas as persoas, realizada en lingua galega e lingua de signos española (LSE) de maneira simultánea, con dúas intérpretes en escena, e incluirá unha audiodescrición previa para persoas con discapacidade visual.
As entradas están dispoñibles a través da plataforma municipal.