Continúa o cruce de acusacións polas axudas polos danos do lobo
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, dixo onte que a decisión do goberno galego de quedar fora da Estratexia para a conservación e xestión do lobo, aprobada na Conferencia Sectorial do 28 de xullo, provocou que Galicia perda 4,3 millóns de euros do goberno central para indemnizacións aos gandeiros.
O responsable socialista vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias nas que apunta que Galicia é a única autonomía do norte que non subscribiu a dita Estratexia. Esta decisión fixo que, xunto con Madrid, que se adheriu o 22 de decembro, logo do peche contable, sexan as únicas dúas autonomías excluídas dos fondos do Ministerio para a Transición Ecolóxica para a protección do gando e indemnizacións dos danos ocasionados polo lobo.
Seco advirte que a lamentable decisión do goberno galego deixa aos gandeiros galegos unicamente coas axudas convocadas pola Xunta con fondos propios, que ascenden a 1,75 millóns de euros, unha partida que segundo as organizacións agrarias son totalmente insuficientes para previr os danos da fauna salvaxe nas explotacións gandeiras galegas.
Sinala que a sinatura da estratexia “non impedía que o Goberno galego puidese seguir con recursos e o posicionamento que quixera” sobre a xestión do lobo, pero “permitiría beneficiarse do reparto orzamentario para as medidas de prevención e indemnización por danos do lobo ao gando, o que suporía máis de 4,3 millóns de euros para o noso territorio”.
Acusou ao goberno galego de “tentar de agochar a súa nula xestión” responsabilizando ao Ministerio dunha decisión que é responsabilidade do goberno galego. Lembrou que o goberno do PP nunca xestionou o lobo e que dende hai 10 anos non se rexistran capturas de ningún exemplar, polo que “non entendemos que cambio lle supón á Consellería” a estratexia do Executivo.
O Grupo Socialista presentou unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que asinara a Estratexia para a conservación e xestión do lobo, ademais de actualizar o Plan de xestión do lobo autonómico en base ao consenso entre as asociacións en defensa desta especie, das organizacións gandeiras e representantes do sector veterinario.
Tamén reclama aumentar o orzamento de 2023 para a prevención e danos por ataques de lobos para garantir a cobertura da totalidade das solicitudes cursadas en regra, actualizando as contías por danos para que cubran o custe real das perdas e o seu pago en menos de 6 meses. Finalmente, pide introducir axudas en materia de prevención ás explotacións en zonas de risco por ataques de depredadores nos cobros da PAC.
RESPOSTA DO PP
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembra que a Xunta non renunciou aos fondos estatais dos orzamentos de 2022 para previr e paliar os danos do lobo, senón que foi unha exclusión de Galicia, unha decisión que está recorrida pola vía contencioso-administrativa.
Arias Fouz sinala que a Administración autonómica tentou nos últimos meses e por distintas vías que o Goberno central rectificara a súa postura para que transfira os 4,3M€ que lle corresponden de xeito lexítimo, e lembra que ter estas axudas pasaba por subscribir unha estratexia aprobada sen consenso, que prexudica á poboación rural galega, non ofrece seguridade xurídica, nin conta con censo e datos actualizados de número de manadas. Ante esta situación o máximo representante da Xunta en Lugo considera que non podemos ceder ante o que é unha chantaxe do Goberno central.
En calquera caso, e á espera de que haxa unha resolución xudicial, Arias Fouz lembra que a Xunta de Galicia seguirá apoiando ao sector gandeiro con fondos propios para garantir a súa convivencia co lobo. De feito, para este ano, a Xunta compromete 1,3M€ ás axudas destinadas á prevención ante o lobo, o que Javier Arias destaca como unha partida sen precedentes, á que se suman outros 600.000€ para indemnizar aos afectados. Por último, lembra que nos últimos sete anos, o Goberno galego mobilizou preto de 6M€ neste tipo de axudas.