Continúan a bo ritmo as obras do circuito de Outeiro de Rei

TerraChaXa
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe en Outeiro de Rei as obras para habilitar un circuíto de tecnificación do deporte do motor e de formación en seguridade viaria, un proxecto que financia a Secretaría Xeral para o Deporte mediante un convenio co concello.
28 Mar 2018

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe en Outeiro de Rei as obras para habilitar un circuíto de tecnificación do deporte do motor e de formación en seguridade viaria, un proxecto que financia a Secretaría Xeral para o Deporte mediante un convenio co concello.

O delegado estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Pardo Lombao, durante a visita ás instalacións municipais, que son reformadas para poder albergar un circuíto mellorado, con máis prestacións e usos diversificados.

Balseiro explicou que o proxecto ten un orzamento de  223.764 euros, dos que a Xunta achega o 70%.  A intervención consiste en acondicionar os terreos para un novo trazado, dotándoo dunha rede de drenaxe e executando os firmes e pavimentos, así como os bordos correspondentes. Asemade, prevese a execución de instalacións de rego e fontanería, e tamén de electricidade e alumeado e sinalización.

Coa nova configuración, o circuíto será apto para acoller sesións de adestramento de pilotos profesionais, pero tamén accións formativas en condución eficiente e segura, entre outras posibles iniciativas.

Nesta liña, o delegado territorial avanzou a intención é crear un centro de deportes de motor (centro de formación e tecnificación) e seguridade viaria, de forma que “este concello sexa referente para os deportistas profesionais e afeccionados do mundo do motor, que son moitos  na nosa provincia e en Galicia”. Pero ademais, engadiu, “queremos que estea aberto a todas as persoas a través da organización de distintas actividades, especialmente as relacionadas coa condución”.

A Secretaría Xeral para o Deporte participa neste proxecto co obxectivo de potenciar o deporte base sendo consciente da importancia da súa colaboración económica cos concellos para afrontar obras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva. Así, no presente exercicio  ten previsto destinar un total de 2.983.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia, un 23% máis con respecto ao destinado en 2017.

0.19535207748413