Continúan as obras da nova vía peonil e o cine Man apoiadas pola Deputación

TerraChaXa
O mandatario provincial supervisou xunto ao rexedor e ao primeiro tenente de Alcalde os traballos de adecuación na parcela que dá acceso ao antigo cine, adquirida cunha achega de 33.
deputacion visita cine man
18 Mar 2023

O mandatario provincial supervisou xunto ao rexedor e ao primeiro tenente de Alcalde os traballos de adecuación na parcela que dá acceso ao antigo cine, adquirida cunha achega de 33.000€ da institución provincial e necesaria para poder abrir a vía.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, coñeceu este venres xunto ao alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, e o tenente de Alcalde, Alejandro Martínez, o estado das obras para o acondicionamento dunha nova rúa peonil que o Concello está a executar xunto ao antigo cine Man grazas a unha aportación económica da institución provincial por importe de 33.000€, destinada á compra dun solar necesario para abrir a vía.

José Tomé supervisou a pé de obra os traballos, que avanzan a bo ritmo e que permitirán crear en pleno centro da localidade unha nova vía pública para peóns, entre as rúas Lope de Vega e Alcalde Ángel Penas. Ademais, a actuación ofrecerá unha imaxe totalmente renovada da contorna urbana, con áreas verdes, de descanso e xogos.

Nestes momentos, está finalizada a primeira fase de adecuación do terreo na parcela  que dá acceso ao edificio que albergou o Cine Man, onde o Concello ten previsto habilitar o Centro Cultural da localidade. Nas vindeiras semanas, comezarán os traballos de urbanización e instalación de mobiliario urbano, coa previsión de que este novo espazo público estea dispoñible a finais deste ano para o desfrute dos veciños e veciñas.

A Deputación con Rábade

Esta colaboración para abrir unha rúa peonil reforza o compromiso da Deputación con Rábade, que se traduce en investimentos por un importe que supera os 1,4M€ no que vai de mandato. Entre as actuacións acometidas con fondos provinciais, inclúense obras relevantes como a da Rúa Músico Crisanto, cuxa titularidade foi cedida o pasado ano ao Concello despois de facer a institución provincial un investimento de 150.000€ para o seu acondicionamento.

Outros proxectos importantes foron a humanización do entorno da Praza Castelao, cunha achega de preto de 150.000€; ou a pavimentación e creación de servizos na Rúa José Pardo Montenegro, na que se aumentaron o ancho das beirarrúas, realizando a reposición de instalacións e dotándoa de carril bici e un bulevar axardinado.

Todo isto, subliñou o presidente, “reforza o apoio que xa vimos dando dende a Deputación ó Concello de Rábade para que poida ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas”.

José Tomé avanzou que “nesta liña de diálogo e de cooperación seguiremos traballando, con Rábade e con todos e cada un dos 67 concellos da provincia de Lugo, sen mirar cores políticas, como lamentablemente fan outras Administracións, porque defendemos que o papel esencial da Deputación é precisamente ese, escoitar e apoiar aos concellos da provincia para que poidan mellorar a vida da xente”.

0.19002389907837