Continúan as obras na avenida Terra Chá de Vilalba

TerraChaXa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina arredor de 650.
100719AvenidaTerraCha
11 Xul 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina arredor de 650.000 euros ao financiamento das obras de mellora da seguridade viaria na avenida da Terra Chá de Vilalba, que están en execución a través dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello.

O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou hoxe a marcha dos traballos acompañado pola alcaldesa, Elba Veleiro, entre outras persoas. Segundo o contemplado no convenio, que foi asinado no mes de xaneiro co anterior alcalde, Agustín Baamonde, a Xunta financia a actuación e o Concello foi o encargado da licitación e adxudicación da obra, que ten un prazo de execución de catro meses.

O proxecto elaborado pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) inclúe o reforzo do firme da calzada con mestura bituminosa en quente e a mellora do pavimento das beirarrúas, coa renovación de baldosas e bordos en ambas marxes. Tamén se aumentará a altura dos bordos en determinados tramos nos que é insuficiente, ata unha altura mínima de dez centímetros, que serva de separación física entre os vehículos e os peóns.

A intervención comprende ademais a renovación do colector de saneamento existente entre a rúa Mondoñedo e o final da travesía, coa instalación dun tramo de novo colector de 365 metros na marxe dereita da vía para evitar as filtracións que se veñen producindo na rede actual.

Este vial, travesía da antiga estrada LU-126, foi transferido ao Concello de Vilalba no ano 2010. Trátase dunha travesía urbana que conta con beirarrúas e aparcadoiros en ambas marxes. Segundo salientou Balseiro, a obra programada contribuirá a mellorar a seguridade e a comodidade dos usuarios da vía, unha das principais arterias de comunicación de Vilalba, que conecta o centro da localidade coa estrada LU-120, saída cara a Meira.

0.14122891426086