Continúan as reaccións ao anuncio de Alcoa

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostrou o rexeitamento frontal da institución provincial ás pretensións anunciadas este xoves pola dirección da factoría de Alcoa en San Cibrao dun despido colectivo de 534 traballadores e traballadoras.
prabafolc17
29 Maio 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostrou o rexeitamento frontal da institución provincial ás pretensións anunciadas este xoves pola dirección da factoría de Alcoa en San Cibrao dun despido colectivo de 534 traballadores e traballadoras. “É unha moi mala noticia para a comarca da Mariña e para toda a provincia de Lugo, e a Deputación estará, coma sempre, cos traballadores e coas traballadoras, e cos concellos da comarca da Mariña para reivindicar o futuro dos veciños e das veciñas da Mariña e do conxunto da provincia de Lugo. A Deputación non vai quedar impasible, nin pode permanecer ao marxe”, subliñou José Tomé.

A medida anunciada pola compañía, asegurou, “é a proba clara e palpable de que a empresa estivo xogando con todos nós, dado que é unha decisión de moito calado, e iso non se toma en pouco tempo. Para min, isto obedece máis a unha política de interese económico, pero tamén de interese xeoestratéxico que responde a outros intereses”.

O presidente esixiu á Xunta que tome medidas e exerza as competencias que ten atribuídas en materia de industria polo Estatuto de Autonomía. “Acabáronse as fotos baleiras de contido. Non coñezo ningunha proposta seria que se fixera para solucionar o tema de Alcoa. É hora de poñer enriba da mesa os intereses de Galicia, que son os mesmos que os da provincia de Lugo, os dos traballadores e os dos concellos”.

Polo que respecta ao Goberno de España, o presidente recalcou que “é necesario o regulamento electrointensivo que permita ás empresas que operen en España ter unhas condicións semellantes ao resto de Europa. Se ese regulamento pode ser acordado con todos os sectores implicados pois moito mellor, pero necesitamos ese regulamento”.

Tamén lle pediu ao Ministerio de Industria “que analice o retorno económico das axudas que se lle deron á empresa e que, polo que teño entendido, en moitos casos non serviron para cumprir cos obxectivos. É dicir, non aplicaron esas axudas no que se comprometeron. Que o Ministerio mire, xa que, se dan ese paso, polo menos que non leve ademais o noso diñeiro”.

Así mesmo, plantexou ao Goberno de España que “estudie a posibilidade de entrar no accionariado deste tipo de empresas, como o están facendo outros países europeos como Francia ou Alemaña, que están reforzando un sector público de empresas estratéxicas”.

Pola súa banda a vicepresidenta Maite Ferreiro reclamou unha “aposta valente” dos gobernos galego e central para evitar o peche da planta de aluminio de San Cibrao, que suporía o despedimento de máis de 800 traballadores e traballadoras e que incidiría no desmantelamento industrial da comarca da Mariña e do país.

Ferreiro avogou pola “ intervención pública” para manter a produción de aluminio e dos postos de traballo no complexo industrial cervense que, lembrou, desde a súa privatización recibiu cuantiosas “sen un control ou seguimento que obrigase á compañía a manter o emprego e modernizar as instalacións”

A vicepresidenta considera “que non houbo un interese político en salvar Alcoa, nin o sector industrial, como non houbo tampouco interese en salvar outros sectores produtivos do país como o agrario ou o pesqueiro”. Nesa liña, sinalou a necesidade dunha “tarifa eléctrica galega que permita utilizar a nosa condición de país produtor de enerxía para o desenvolvemento económico e o benestar social.”

BNG de Lugo

O grupo provincial do BNG manifestou “o seu apoio e solidariedade” coas traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao despois de que a multinacional comunicase aos representantes sindicais a intención de despedir ata 534 obreiros da planta de aluminio.

“O anuncio é unha moi mala noticia, unha estocada, para unha comarca xa moi azoutada pola crise industrial”, sinalou a deputada mariñá Mónica Freire, que remarcou a responsabilidade da Xunta de Galicia, “que se puxo de perfil malia ter as competencias en industria”, e do goberno do Estado no escenario que se debuxa para a comarca da Mariña.

Desde a formación nacionalista, que este martes defendeu no pleno provincial unha moción na que se reclamaba a “mobilización das administracións” ante a estratexia da empresa “de deixar morrer a factoría”, propoñen a “intervención pública da factoría para evitar o seu peche"

A posición expúxoa tamén a vicepresidenta da Deputación provincial Maite Ferreiro que urxiu a “unha mobilización institucional e sociall para evitar o peche da factoría e manter a produción”.“Non podemos seguir vendo como se desmantela o sector industrial ante a pasividade do Goberno central e da Xunta que aínda hoxe, nesta situación crítica, seguen a repartir as culpas e botar balóns fóra”, argumentou.

“Galicia é produtora neta de electricidade. É inadmisible que estamos ao borde de perder o principal activo económico desta comarca, e do país, polo custe da enerxia”.“É máis urxente que nunca poñer en marcha a tarifa eléctrica galega”, concluíu Maite Ferreiro.

Ministerio de Industria

O Ministerio de Industria pide a Alcoa que reconsidere o despedimento colectivo e solicita corresponsabilidade nestes momentos. Tamén é coñecedor tanto da difícil situación financeira de Alcoa a nivel internacional como dos problemas estruturais que ten a planta, sobre todo, no contexto actual, cunha importante caída da demanda de aluminio primario, e por iso reafirma o apoio aos traballadores da planta e o compromiso para a continuidade do emprego na comarca da Mariña.

O Ministerio de Industria vén demostrando desde hai dous anos o seu compromiso co mantemento do tecido industrial español -especialmente o de Galicia- a través do reforzo das axudas de CO2, o Plan REINDUS, o impulso dun Estatuto para a Industria Electrointensiva, e, a nivel europeo, o axuste fiscal en fronteira a través do ‘ border tax’.

0.17636513710022