Continúan nas pontes as reunións con asociacións de veciños
O Concello das Pontes reiniciou, onte, a rolda de contactos coas asociacións veciñais tras o período estival co obxectivo de escoitar ós veciños e visitar as contornas das asociacións.
A concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Alonso, achegáronse ata a asociación Beira do Eume, no Chamoselo, para coñecer de preto as necesidades e inquedanzas da veciñanza e tratar de dar resposta as súas principais demandas para avanzar, entre todos, na boa marcha da vila.
Durante este encontro, ante as diferentes cuestións expostas polos asistentes sobre a Cooperativa da Canle IV, o PXOM e outros temas relacionados co solo municipal, Antonio Alonso, confirmou que “a aprobación inicial da modificación puntual das normas subsidiarias da Canle IV, que permitirán a construción de 100 vivendas en réxime de cooperativa, non afectarán á edificabilidade no resto do municipio .”
O concelleiro fixo tamén fincapé en que se manterán reunións con todas as asociacións de veciños co obxectivo de elaborar un documento que se axuste ás necesidades veciñais e á realidade urbanística do concello.
Pola súa banda a concellería de Participación Cidadá, Montserrat García, anunciou a continuación do paseo fluvial, á beira do río Eume, desde a Ponte de Isabel II ata a Ponte dos Chaos.
“Con este novo tramo, continuamos avanzando na recuperación dos espazos naturais da nosa vila, poñemos en valor a beira do Río Eume, preservando, deste xeito, o noso patrimonio e creando zonas de lecer para o uso e o goce de toda a veciñanza”, remarcou a edil.
A limpeza da pontes e a mellora da accesibilidade na ponte Alende foron outros dos temas tratados durante este encontro que terá continuidade as vindeiras semanas. O luns, a concelleira de Participación Cidadá visitará á asociación de veciños do Pontoibo.